A Xunta de Goberno reflicte, segundo destacou o presidente provincial, “un modelo de provincia baseado na combinación de políticas estratéxicas, cooperación cos concellos e apoio ao tecido social e cultural”. “Seguimos traballando para construír unha provincia con máis oportunidades, máis equilibrio territorial e máis futuro”, afirmou.
O principal acordo da sesión foi, deste xeito, a aprobación das bases da nova convocatoria do Plan Provincial de Vivenda, cun investimento de 1.200.000 euros, máis do dobre que o pasado ano.
Esta liña de axudas, dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes, permitirá financiar actuacións de adquisición, rehabilitación e mellora de vivendas destinadas ao alugueiro residencial, co obxectivo de incrementar o parque público e facilitar o acceso á vivenda no rural.
Esta nova convocatoria dá continuidade á primeira edición do programa, resolta o pasado mes de marzo, que mobilizou 500.000 euros en 14 concellos da provincia, permitindo avanzar na creación de novas oportunidades de residencia en municipios do rural. “Sen vivenda non hai fixación de poboación, e por iso este plan é unha prioridade absoluta para a Deputación”, subliñou Menor.
A Xunta de Goberno aprobou tamén actuacións de cooperación municipal por un importe total de 310.000 euros, destinadas a mellorar infraestruturas e servizos en distintos concellos da provincia.
Entre as actuacións destacan: Larouco, para a estabilización dunha edificación (100.000 €); Laza, para a urbanización do entorno da residencia de maiores (35.000 €); Pereiro de Aguiar, para actuacións de eficiencia enerxética (50.000 €); San Cristovo de Cea, para a mellora dun parque infantil (40.000 €); Viana do Bolo, destinando a actuacións de mellora urbana (15.000 €): Vilamarín, para mellora da capa de rodadura (40.000 €); e Vilar de Santos, para a humanización de espazo público (30.000 €).
Ademais, aprobáronse modificacións do Plan provincial de cooperación, a petición dos municipios de Xunqueira de Espadanedo, Padrenda, Bande e Carballeda de Valdeorras para adaptar actuacións ás necesidades reais dos concellos.