Economía

Deputación de Ourense e Correos facilicitarán o pagamento de tributos desde as súas casas

Os habitantes dos concellos que xestionan as taxas e impostos a través da institución provincial poderán facer os seus abonos a través dos 144 carteiros rurais sen necesidade de desprazamentos

Óscar Gómez

Ourense | 15.03.2022 09:23

Deputación de Ourense e Correos facilicitarán o pagamento de tributos desde as súas casas | onda cero

A Deputación de Ourense e Correos facilitarán á veciñanza da provincia o pagamento de tributos locais desde as súas casas, a través dos máis de cen carteiros e carteiras rurais que traballan en territorio ourensán. O presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o director de Correos en Ourense, Orlando Cid, reuníronse no Pazo Provincial para analizar os detalles dun acordo que amplía a liña de colaboración aberta entre a institución provincial e a operadora pública, para axilizar á poboación o cumprimento das obrigas tributarias con independencia do lugar no que residan.

O presidente da Deputación resalta que este proxecto encaixa na liña de traballo do goberno provincial: “A Deputación ten un obxectivo claro, facilitar a vida aos veciños de Ourense. Nesta dinámica, o acordo con Correos consegue que, evitando desprazamentos a través dos 144 carteiros despregados no territorio, aqueles veciños cuxos concellos teñan delegada a recadación de tributos poidan facelo directamente, sen necesidade de desprazarse”.

Manuel Baltar lembra que este é “un acordo que marca unha liña de traballo que distingue á Deputación dende fai tempo”. Recoñece o presidente da Deputación o “esforzo de Correos” para buscar estes acordos -“con eles temos unha liña de traballo dende fai tempo neste sentido, as súas oficinas buscan mellorar a vida das veciños”- incidindo na prioridade do goberno provincial: “Neste caso buscamos evitar desprazamentos pero fundamentalmente, buscamos sempre a excelencia nos servizos públicos. E no futuro haberá máis actuacións neste sentido, perseguindo o mellor para a veciñanza”.

Abono directamente a través de 144 carteiros

O convenio abrangue a todos aqueles concellos que xestionan a través da Deputación o cobro de tributos como o IBI, recollida de lixo ou permiso de circulación, entre outros, de tal xeito que os seus habitantes poderán abonalos directamente a través dos 144 carteiros rurais distribuídos pola provincia, sen necesidade de desprazamentos.

Ademais deste canal, a poboación tamén ten á súa disposición as 21 oficinas de Correos situadas na provincia, que amplían os seus servizos para facilitar as xestións cotiás da cidadanía, de modo especial nas zonas rurais e aproveitando a cobertura territorial tanto da súa rede de oficinas como dos carteiros.

A colaboración entre a Deputación de Ourense e Correos enmárcase na aposta do goberno provincial por achegar á poboación os mellores servizos, co valor engadido da eficacia e maila axilidade nos trámites.