Termalismo

A Deputación de Ourense colaborará na ampliación do balneario de Lobios

O presidente do goberno provincial explica que a colaboración da Deputación, financiando o anteproxecto, “enmárcase no decidido impulso que lle damos ao territorio sempre que falamos de termalismo”.

Óscar Gómez

Ourense | 06.03.2023 08:13

A Deputación de Ourense colaborará na ampliación do balneario de Lobios | onda cero

A Deputación de Ourense vén de colaborar na ampliación do balneario de Lobios, no que a Fundación San Rosendo, como xestora das instalacións e co apoio do Concello, prevé a construción dun complexo de piscinas exteriores que aumentará a oferta da área termal de Río Caldo.

Os detalles desta iniciativa presentáronse no consistorio de Lobios no transcurso dunha reunión na que participaron o presidente da Deputación, Manuel Baltar; a alcaldesa, María del Carmen Yáñez, acompañada por membros do grupo de goberno; o presidente da Fundación San Rosendo, José Luis Gavela; o director xeral de Caldaria, Javier Soto; e os deseñadores do complexo termal, os arquitectos César Portela e Magdalena Portela.

Manuel Baltar explica que a colaboración da Deputación, financiando o anteproxecto, “enmárcase no decidido impulso que lle damos ao territorio sempre que falamos de termalismo”. Máis aínda nesta ocasión, destaca o presidente do goberno provincial, “posto que neste lugar temos as augas mineromedicinais máis quentes de toda Europa, con 77 grados”.

O balneario de Lobios “é un emblema do noso termalismo, ao carón do parque natural do Xurés e do parque nacional de Peneda-Gerês en Portugal, unha fronteira que tamén é un dos atractivos importantes do territorio”, apunta Manuel Baltar, que sinala “o plus que lle dá a este anteproxecto contar con arquitectos de prestixio como César e Magdalena Portela”.

Resposta á demanda de visitantes e usuarios habituais da área termal de Río Caldo

María del Carmen Yáñez, entre tanto, avoga por un traballo “coordinado e conxunto para sacar adiante un complexo no que o Concello vai poñer a disposición da Fundación San Rosendo os terreos anexos ao balneario”. A alcaldesa incide nunha iniciativa “que porá en valor o noso termalismo, un recurso de primeiro nivel e cun grandísimo potencial no noso municipio e, ademais, na contorna da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés”. As piscinas termais no exterior do balneario, engadiu, “tamén responderán á demanda deste tipo de instalacións que nos formulan os visitantes e usuarios habituais da área termal de Río Caldo”.

José Luis Gavela, agradecido pola presenza de Manuel Baltar na presentación do anteproxecto, desvela que con esta ampliación “imos completar o balneario de Lobios”, ao tempo que asegura que “facelo con César Portela é toda unha garantía”. O arquitecto, pola súa banda, cualifica o futuro complexo termal como “todo un reto a realizar neste lugar tan marabilloso de Lobios, cun conxunto de piscinas que permitirán aproveitar as augas termais e a natureza que rodea a este balneario”.