A Deputación organiza unha nova edición da “Ourense Strade Termal”
O evento deportivo reunirá a máis de 250 cicloturistas o vindeiro 26 de abril, onde poderán escoller entre dous percorridos de 115 e 80 km con tramos de “sterrato” en ambos casos.
Máis de 250 ciclistas disputarán unha nova edición da “Ourense Strade Termal”, unha das marchas cicloturistas máis singulares do calendario nacional organizada pola Deputación de Ourense a través do Inorde. A proba levará aos cicloturistas apaixonados do “sterrato” a descubrir fermosas paraxes da Baixa Limia, á vez que conserva o seu carácter internacional, xa que chegará á Cámara Municipal de Montalegre.
O evento deportivo foi presentado hoxe no Castelo de Montalegre polo presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o xefe provincial de Turismo en Ourense, Cecilio Santalices; o alcalde de Muíños e o concelleiro de Lobios, Plácido Álvarez e Perfecto Paz, respectivamente; o director técnico da proba, Serafín Martínez; o capitán xefe do Subsector de Tráfico da Garda Civil en Ourense, Javier Barja; e representantes da Cámara Municipal de Montalegre.
O evento deportivo disputarase o vindeiro 26 de abril, con saída e meta en Lobios, ofrecendo aos participantes dous posibles percorridos de 115 e 80 km con tramos de “sterrato” en ambos casos, que son camiños de terra compactada que achegar un carácter diferencial a esta proba e que sumarán en total 12 km en total.
Trátase dun dos eventos contemplados no convenio asinado entre o Inorde e a Axencia de Turismo de Galicia para a organización de probas que contribúan na promoción turística da provincia.
O evento volverá a percorrer os concellos de Lobios e Muíños, nun trazado que mestura estradas de España e Portugal e atravesa un entorno natural de gran valor paisaxístico, marcado pola identidade termal da zona. A novidade deste ano será que volverá a pasar polo Géres portugúes atravesando as localidades de Tourém e Pitoes das Junias, de Montalegre.
A saída e a meta estarán ubicadas nas instalacións do Hotel Balneario Caldaria de Lobios, punto neurálxico da proba e reflexo da esencia termal que define este evento.
A “Ourense Strade Termal” forma parte do Calendario Nacional da Real Federación Española de Ciclismo, reforzando o seu posicionamento como unha experiencia que mestura deporte, territorio e turismo. Os interesados en participar poden inscribirse ata o 22 de abril a través da páxina web da proba: www.ourensestradetermal.com.