Medio Ambiente

A Deputación lidera un proxecto sostible na Reserva da biosfera Gerês-Xurés

Este é un dos tres plans aprobados na convocatoria do programa europeo Poctec para esta reserva da biosfera, cun financiamento de 12 millóns de euros.

Onda Cero Ourense

Ourense |

A Deputación lidera un proxecto sostible na Reserva da biosfera Gerês-Xurés | onda cero

A Deputación de Ourense, en colaboración con universidades e administracións locais galegas e portuguesas, liderará un proxecto de desenvolvemento sostible na Reserva de biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés que contará con 3,6 millóns de euros de financiamento europeo -2,5 para investir na comarca da Baixa Limia-, no marco do programa de cooperación Interreg VI-A España- Portugal (Poctep).

Trátase do proxecto RAIA Gerês-Xurés, que beneficiará aos seis municipios ourensáns desta reserva: Lobios, Entrimo, Muíños, Lobeira, Calvos de Randín e Bande. A finalidade desta iniciativa é contribuír ao desenvolvemento sostible da reserva mediante o fortalecemento dunha identidade territorial compartida, o impulso de actividades baseadas nos recursos locais e na posta en valor do patrimonio natural e cultural co propósito de reforzar a cohesión social, económica e ecolóxica de ambos lados da fronteira.

Co liderado da institución provincial ourensá, neste proxecto participan outros 11 socios. Xunto á Deputación ourensá figura a Universidade de Vigo, mentres que os socios portugueses son a Universidade do Minho; Associação de Desenvolvimento das Regiões do Parque Nacional da Peneda Gerês - ADERE Peneda Gerês; as comunidades intermunicipais do Alto Minho e Alto Tâmega e Barroso, e Cávado; e os municipios de Melgaço, Ponte da Barca, Arcos de Valdevez, Montalegre,e Terras de Bouro.

Restauración ecolóxica e innovación na gandeiría

O proxecto RAIA Gerês-Xurés é un dos tres plans aprobados na convocatoria do programa europeo Poctec para esta reserva da biosfera, xunto cos proxectos Ecoreg Gerês-Xurés, centrado na restauración ecolóxica, conservación ambiental; e GEXPOCTEP, destinado á innovación e sostibilidade na gandería autóctona nesta reserva da biosfera.

O espazo natural recibirá o 40 % do total do orzamento da convocatoria destinado ás sete áreas funcionais da fronteira hispano-lusa e cuxo obxectivo principal é impulsar o desenvolvemento económico, social e ambiental desta área. Os tres proxectos financiaranse con 12 millóns de euros, dos que o 72 % (8,65 M€) executaranse nos seis municipios ourensáns da Baixa Limia.