A Deputación lidera un proxecto para a dixitalización do ciclo da auga
O plan incluiría a instalación dun centro dixital operativo para xestionar o ciclo de auga e mellorar os servizos públicos. Nunha segunda fase activaríase un “hub” tecnolóxico para, entre outras cousas, apoiar o tecido empresarial da provincia
A Deputación de Ourense lidera un proxecto que aspira a captar fondos europeos para dixitalizar o ciclo urbano da auga, construíndo un centro dixital operativo para, nunha primeira fase, controlar o ciclo da auga a través da telelectura e o telecontrol, permitindo unha xestión centralizada que mellore o servizo público ofrecido aos veciños. Deseñado como un PERTE da Auga de Ourense, este proxecto abarcaría tres anos e crearía máis de 200 empregos, cun investimento global de 16 millóns de euros.
Este proxecto estaría catalizado sobre o terreo por AquaOurense, un consorcio partenariado da Deputación e Viaqua con 14 anos de experiencia e que actualmente da asistencia técnica a 80 concellos ourensáns -174.545 persoas-, realizando máis de 5.000 análises anuais. Para afondar nas liñas mestras desta iniciativa, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co director de Viaqua, Marcos Martín González.
Manuel Baltar resalta o carácter estratéxico da alianza con Viaqua, que permitiu poñer en marcha unha sociedade de economía mixta, Aquaourense, “única a nivel nacional en xestión das augas dentro do ámbito provincial, e agora traballando para que os Next Generation contemplen un proxecto de dixitalización da auga na provincia termal de Europa”.
Grazas á colaboración público-privada, ao traballo en rede e maila implicación e planificación dos servizos técnicos da Deputación e Viaqua, engadiu Baltar, “estamos en condicións de presentar un proxecto innovador a nivel nacional que siga postulando a Ourense como un lugar específico para a xestión de fondos europeos, aplicados nesta ocasión á auga como parte esencial do noso territorio”.
Nunha primeira fase, este centro dixital operativo sería unha panca para a dixitalización da xestión do ciclo da auga da provincia de Ourense que permitirá, en tempo real, detectar posibles emerxencias ou mellorar a eficiencia, axilidade e flexibilidade do servizo, diminuíndo as fugas de auga e controlando a calidade das masas de auga, ademais de reducir a pegada de carbono, algo clave na loita contra o cambio climático.
Neste espazo integrarase, entre outras cousas, un sistema para o control da calidade das masas de auga que avalíe a creación dun selo de calidade específico para as aguas termais, dentro do apoio co proxecto pretende dar a este sector fundamental da economía ourensá.
Segunda fase: “Hub” tecnolóxico para apoiar o crecemento do ecosistema empresarial ou avanzar nos obxectivos provinciais e fomentar a cohesión territorial
Este centro dixital operativo aspira a ser un valor diferencial de Ourense aberto á cidadanía. Nesta liña, na segunda fase do proxecto implantaríase un “hub” tecnolóxico arredor deste espazo que, entre outras cousas, activaríase un “digital lab” para crear novos servizos públicos e un escaparate tecnolóxico para poñer en valor a importancia da dixitalización da xestión do medio ambiental. Accións que pretenden fomentar novas oportunidades para o crecemento do ecosistema empresarial provincial.
En paralelo, este centro integraría iniciativas de dixitalización e instrumentos de planificación públicos, activando un observatorio dentro do centro que permitiría agrupar información relevante, integrando datos de distintas fontes e converténdoo en información e predicións grazas ao big data e a Intelixencia Artificial (IA). Esta ferramenta pública monitorizaría dun xeito transparente elementos transcendentais da estratexia provincial, artellando novos servizos municipais sempre vencellados co obxectivo último de fomentar a cohesión territorial da provincia de Ourense.
Un proxecto encadrado na estratexia provincial do mandato 2019-2023
Os redactores do proxecto sinalan que a auga eríxese como un vector idóneo para conformar un modelo de territorio intelixente, sostible e social, que realce a súa resiliencia a través da dixitalización. Por iso, esta iniciativa de dixitalización do ciclo da auga está encaixada dentro das liñas estratéxicas definidas no actual plan de mandato do goberno presidido por Manuel Baltar para o 2019-2023 (Ourense 7273), que sinala o obxectivo de converter o territorio ourensán nun laboratorio para a implantación de políticas innovadoras ante o reto demográfico, o cambio climático, o desenrolo rural e o uso de novas tecnoloxías como solución á prestación de servizos en territorios altamente dispersos e envellecidos.
Un proxecto que, agora, eríxese como unha oportunidade ao estar enmarcado nas liñas de financiación abertas nos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que destina 2.860 millóns de euros á dixitalización de usos da auga.