O presidente provincial, Luis Menor, recibiu na Deputación ao director e ao secretario da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Nuno Almeida e Xosé Lago. Neste encontro, os representantes de ambas institucións puxeron de manifesto a importancia da cooperación transfronteiriza como eixo vertebrador e de desenvolvemento de ambos territorios. Acordaron reforzar as liñas de colaboración xa en marcha, así como explorar novas vías nas que a provincia de Ourense e os municipios portugueses continúen a cooperar en accións que redunden no asentamento da poboación, a creación de traballo e a posta en valor dos recursos turísticos de ambos territorios.
Así, un dos grandes acordos da reunión é que retomarase a creación dunha nova AECT (Asociación Europea de Cooperación Transfronteiriza), que abranguerá a zona da Reserva do Xurés-Gerés, cos concellos que van dende Padrenda ata Verín-Chaves. “Estamos nunha aposta serie e firme e xa estamos a traballar nos seus estatutos, pois é unha zona moi importante que precisa desta colaboración”.
Outro dos aspectos que se abordaron é o apoio á creación do Estatuto do Traballador Transfronteirizo, “algo moi necesario, pois dos 16.000 traballadores transfronteirizos de España, 14.000 están na Eurorrexión, de feito por iso é importante o noso apoio desde a Deputación”. Luis Menor agradeceu expresamente a sensibilidade da Eurorrexión cos proxectos europeos nos que está inmersa a Deputación.
Luis Menor destacou que a reunión discorreu nun ton moi cordial, e puxo de manifesto que “na Eurorrexión hai persoas coa máxima seriedade e responsabilidade”, polo que anunciou que a Deputación continuará a desenvolver todos os mecanismos ao seu alcance para reforzar dita cooperación transfronteiriza.
Nuno Almeida destacou pola súa banda a colaboración amosada polo presidente provincial, “que pode contar sempre coa nosa capacidade operativa”. Explicou tamén que a Eurorrexión ten 50.000 km cadrados e 6,3 millóns de habitantes, “e a provincia de Ourense integra o conxunto das prioridades de desenvolvemento da Eurorrexión. Europa xa di que somos un referente e seguiremos reforzando coa nosa alianza coa Deputación e co seu presidente Luis Menor”.