Tecnoloxía

A Deputación de Ourense deseña o proxecto AcelerOU para facilitar a transición dixital

O presidente da Deputación de Ourense sitúa este proxecto dentro do apoio do goberno provincial a pemes, autónomos e emprendedores.

Óscar Gómez

Ourense | 23.02.2022 08:15

A Deputación deseña o proxecto AcelerOU para facilitar a transición dixital | onda cero

A Deputación de Ourense quere impulsar e avanzar na transición dixital de pemes, autónomos e emprendedores nas zonas rurais da provincia a través dun programa de sensibilización e asesoramento que, baixo o nome de AcelerOU, presentou onte ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transición Dixital no marco da convocatoria de axudas para a creación da Rede de Oficinas Acelera Peme, que conta co financiamento dos fondos europeos Feder. A proposta da Deputación desenvolveríase ao longo de dous anos.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, destaca o apoio ao emprendemento no ámbito da financiación comunitaria: “Dende a Deputación de Ourense seguimos a impulsar o desenvolvemento das pemes e emprendemento. Este proxecto está no marco de financiación comunitaria, no que este goberno provincial ten xa levado a cabo importantes proxectos e plans nos diferentes ámbitos”.

Manuel Baltar valora o traballo realizado sumando apoios para este proxecto, de municipios ou asociacións que traballan sobre o territorio: AcelerOU conta co apoio de concellos de toda a provincia e unha vintena de entidades coma Universidade de Vigo, Axencia Galega de Innovación, Amtega, Parque Tecnolóxico de Galicia, Clúster TIC de Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñería Informática, o Clúster de Empresas de Enxeñería, a Confederación de Empresarios de Ourense, Confederación de Empresarios de Hostalaría, D.O. de Monterrei, Asociación Galega de Mullereis Rurais ou as asociacións de desenvolvemento rural de Carballiño, A Limia, Sil, Monterrei, Monteval, Comarca Ourense e Valdeorras.

Aposta da Deputación por autónomos e emprendedores

A través do proxecto AcelerOU, a Deputación de Ourense pretende ofrecer asesoramento e soporte nas principais áreas de transformación dixital a pemes, autónomos e emprendedores dos concellos e asociacións adheridas. Un labor que se realizará a través dunha sede virtual e dúas físicas: unha delas situada nas instalacións de Inorde en Xinzo de Limia e outra que terá carácter itinerante, permanecendo nos concellos de forma temporal e por períodos semanais.

Ademais, o proxecto tamén prevé a celebración de xornadas de sensibilización e de apoio para a introdución e uso de tecnoloxías da comunicación e da información innovadoras, favorecendo a súa incorporación nos seus procesos produtivos e de xestión co seu Concello. Tamén se prevén sesións de “networking” para conectar a oferta coa demanda tecnolóxica relacionada coa transición dixital.

“Esta é unha nova aposta da Deputación por sectores económicos clave para Ourense”, resalta Manuel Baltar, que lembra o apoio do seu goberno a pemes ou autónomos: “Lembremos como en plena pandemia esta Deputación deu axudas directas a máis de 4.000 en toda a provincia para axudar nesa recuperación que é unha realidade en Ourense, segundo vemos coas cifras do Observatorio Económico Ourensán”.

O presidente da Deputación destaca o traballo dos técnicos na labor de captar fondos comunitarios: “Felicítoos por planificar e deseñar este plan racional, que esperemos que conte co apoio dos organismos que teñen que resolver para que Ourense se vexa beneficiada da xestión que está a facer o goberno provincial”.

27 oficinas para toda España, dúas en Galicia

A Deputación de Ourense opta con este proxecto a unha das dúas entidades que se prevén crear en Galicia, dun total de 27 oficinas que estarán repartidas por quince comunidades autónomas. Esta iniciativa tecnolóxica conta un orzamento total de 8 millóns de euros, dos que o ministerio aportará 6,3 millóns e o resto as entidades beneficiarias. Cada unha das oficinas estará cofinanciada polos fondos europeos Feder e disporá dunha axuda de entre 200.000 e 250.000 euros para un período de dous anos.

A través da entidade pública Red.es, a convocatoria do Ministerio de Asuntos Económicos e Transición Dixital para a rede de oficinas Acelera Peme ten como principais obxectivos axudar á transformación dixital do mundo da empresa nas áreas rurais; ofrecer solucións tecnolóxicas que lles permitan dar continuidade aos seus negocios; e poñer en valor proxectos relevantes tanto públicos como privados vencellados á transformación dixital das pemes.