A Deputación contribúe á promoción da comarca de Valdeorras coa colaboración co videoclip “Tierra de Nadie"
Manuel Baltar reuniuse coa artista galega para visionar o seu videoclip “Tierra de Nadie” que escolleu realizalo “nun escenario impoñente"
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse coa artista galega Carolina Rubirosa, para visionar o seu videoclip “Tierra de Nadie” que escolleu realizalo “nun escenario impoñente e cun dos recursos naturais da nosa provincia, como é a comarca de Valdeorras”, salientou o presidente do goberno provincial, quen sinalou que se trata dunha nova colaboración da Deputación de Ourense co sector audiovisual co obxectivo de contribuír “na promoción deste territorio”.
“A lousa é un sector estratéxico para a provincia de Ourense e, en concreto, é na comarca de Valdeorras onde están radicadas as principais empresas de Galicia e un bo número de pequenas empresas do sector. Ocupa a preto de 2.500 empregados e unhas cifras de rendibilidade de preto dos 250 millóns de euros”, lembrou Baltar. “O sector presenta un alto grao de internacionalización ao ser capaz de vender o 95 % da súa produción a nivel internacional”, recalcou o presidente da Deputación de Ourense.
Esta colaboración da Deputación reafirma, unha vez máis, o férreo compromiso que mantén o goberno provincial co sector audiovisual, pois no pasado mes de outubro “xa anunciamos tamén a colaboración da Deputación de Ourense co dúo musical “Cómplices” que gravarán o videoclip do seu vindeiro éxito discográfico, Hombre lobo, na provincia de Ourense, un traballo audiovisual e discográfico que enlaza coa lenda de Manuel Blanco Romasanta, coñecido como “el hombre lobo”, nado no municipio ourensán de Esgos”, lembrou Baltar.
Todas estas iniciativas culturais coas que “vimos colaborando desde a Deputación de Ourense pretenden continuar a senda iniciada nos últimos anos de potenciar a nosa provincia como plató para a produción audiovisual”, engadiu o presidente do goberno provincial, quen destacou a importancia de colaborar con estes proxectos que se converten “nun distintivo inmellorable para a promoción internacional do noso territorio”.