Cultura

A Deputación colaborará na rodaxe de “13 exorcismos”, unha nova produción audiovisual que terá a Ourense como escenario

Manuel Baltar recibiu no Pazo Provincial ao produtor e guionista da longametraxe, Ramón Campos. O presidente provincial expresou a súa satisfacción pola elección de Ourense -“unha aposta segura para o sector audiovisual”- e lembra que este xa é o segundo filme que anuncia a súa rodaxe íntegra na provincia para 2022: “Nunha década fomos quen de atraer tantas rodaxes como nos trinta anos anteriores. Imos polo bo camiño”

Ramón Campos agradeceu a receptividade do presidente provincial a un traballo que ten en Ourense “o escenario perfecto, que nos vai axudar a darlle veracidade á historia que queremos contar”. A película narra o último caso de exorcismo documentado en España a través da historia dunha adolescente.

Óscar Gómez

Ourense | 14.02.2022 09:47

A Deputación colaborará na rodaxe de “13 exorcismos”, unha nova produción audiovisual que terá a Ourense como escenario | onda cero

Ourense é o escenario escollido para unha nova produción audiovisual, “13 exorcismos”, que se rodará ao longo deste ano coa colaboración da Deputación de Ourense. Anunciouno o presidente provincial, Manuel Baltar, logo da reunión que mantivo no Pazo Provincial co produtor e guionista da longametraxe, Ramón Campos, nun encontro no que tamén participaron a xefa de produción de Mr Fields & Friends, Irene Mejías; a directora de produción da película, Tamara Soto; e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar.

Manuel Baltar expresou a súa satisfacción pola elección de Ourense para a rodaxe dunha nova produción: “É unha gran noticia dentro da nosa estratexia para converter a provincia nun gran estudio audiovisual”. Lembra o presidente provincial que, tras o anuncio da rodaxe en Ourense do novo filme de Jaime Chávarri -“La manzana de oro”-, “esta é a segunda longametraxe que confirma en 2022 a súa rodaxe íntegra no territorio provincial e polo tanto, esta proximidade que nos deu a chegada do AVE, tamén inflúe e influirá no futuro dentro da aposta pola produción audiovisual que a Deputación arrincou fai anos, organizando en solitario o Festival de Cinema”.

O presidente da Deputación remarca os froitos do traballo acadado polo goberno provincial neste eido: “Na última década fomos capaces de atraer tantas rodaxes como nos trinta anos anteriores. E así púxose de manifesto na exposición da anterior edición do OUFF que se exhibiu no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Todas estas cifras indican que vamos na boa dirección”.

Ramón Campos, pola súa banda, agradeceu a receptividade do presidente provincial a un proxecto que ten en Ourense “o escenario perfecto, que nos vai axudar a darlle veracidade á historia que queremos contar, cunha capital que conserva o misterio que moi poucas cidades souberon gardar”, destacando nesta liña que o seu casco vello ou as súas edificacións de época “son o mellor lugar para entrar en contacto coa tradición galega, as súas lendas e maxia”.

13 Exorcismos narra o último caso de exorcismo documentado en España a través da historia dunha adolescente con estraños comportamentos. A súa familia, extremadamente católica, recorrerá a un dos especialistas autorizados polo Vaticano para intervir nos casos de posesión do diaño. A película, baixo a dirección novel de Jacobo Martínez, é unha coprodución nacional de Mr Fields and Friends Cinema, Bambú Producciones, e Atresmedia Cine.

Manuel Baltar: “O audiovisual ten unha aposta segura no territorio de Ourense”

Manuel Baltar incide na sólida coordinación entre o sector audiovisual e a provincia: “Acollemos longametraxes, series, vídeos musicais, episodios doutros formatos… Para o audiovisual este territorio é, en definitiva, unha aposta segura. Ourense está perfectamente encadrada en calquera trama ou formato audiovisual”. Nesta liña, recorda que o de Ourense é “o único goberno provincial de España que conta cunha deputada de Cine e Produción Audiovisual, que é a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres”.

O anuncio desta nova rodaxe que se desenrolará en Ourense chega so dous días despois das candidaturas aos premios Mestre Mateo, na que o cinema rodado na provincia foi o gran dominador. “Cuñados” (16 nominacións, o récord desta vixésima edición), “Malencolía” (11) e “Eles transportan a morte” (6) suman 33 candidaturas aos premios da Academia Galega do Audiovisual. Estes tres filmes contaron co apoio da Deputación de Ourense e teñen á provincia coma un dos seus protagonistas, con localizacións na cidade, O Ribeiro, O Carballiño ou A Baixa Limia.