Cultrura

A Deputación colaborará co director Jaime Chávarri para a rodaxe da súa próxima película

O presidente provincial, Manuel Baltar, destacou trala reunión que mantivo co cineasta que “mantemos así o compromiso que adquirimos para transformar á provincia nun gran plató para a produción audiovisual”

O filme está baseado na novela “Ávidas pretensiones”, de Fernando Aramburu, autor de “Patria”. Será unha comedia coral que contará coa participación dunha trintena de actores, nunha rodaxe que ten previsto o seu inicio na primavera.

Óscar Gómez

Ourense | 19.01.2022 08:06

A Deputación colaborará co director Jaime Chávarri para a rodaxe da súa próxima película | onda cero

A Deputación de Ourense apoiará un novo proxecto cinematográfico que se rodará integramente na provincia e que baixo o título de La manzana de oro estará dirixido polo cineasta Jaime Chávarri. Así o anunciou o presidente provincial, Manuel Baltar, trala reunión que mantivo hoxe co director de cine e á que tamén asistiron Mario del Real, da produtora Pirueta Films; Xosé Zapata, coprodutor en Galicia; e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar.

Manuel Baltar destacou que con este acordo de colaboración “mantemos o compromiso que adquirimos no seu día ao asumir a organización do Festival Internacional de Cine de Ourense, que non é outro que transformar á provincia nun gran plató para a produción audiovisual”. Nesta liña expresou o seu desexo de que a produción poida ter a súa estrea na próxima edición do OUFF, que se celebrará a finais de setembro.

La manzana de oro está baseada na novela “Ávidas pretensiones”, de Fernando Aramburu, autor de “Patria” e que nesta obra realiza unha mordaz crítica da escena literaria. A rodaxe desta comedia coral contará coa participación dunha trintena de actores e ten previsto o seu inicio na primavera.

O presidente da Deputación puxo o énfase nas posibilidades que ofrece o territorio ourensán, “con paisaxes, pobos, espazos naturais e un importantísimo patrimonio cultural e arquitectónico para todas as historias posibles e agora a pouco máis de dúas horas da capital de España, grazas ao aeroporto terrestre que supón o AVE”. Así o vén de referendar Jaime Chávarri, engadiu “ao elixir Ourense para a súa próxima produción e como tamén así o demostraron recentemente outros directores como Alfonso Zarauza, Dani de la Torre ou Toño López”.

Valorou tamén Manuel Baltar o significado que ten este proxecto na traxectoria de Jaime Chávarri, pois supón o seu regreso á dirección cinematográfica tras un longo paréntese afastado das cámaras -a súa última estrea foi “Camarón”, o retrato do xenial artista flamenco protagonizado por Óscar Jaenada en 2005-.

Un autor referencial na historia do cinema español

Jaime Chávarri (Madrid, 1943) é un autor referencial na historia do cinema español, cunha amplísima traxectoria recoñecida a nivel internacional na que ten colaborado con cineastas como Víctor Erice, Carlos Saura ou o productor Elías Querejeta. Chávarri dirixiu películas como Las bicicletas no son para el verano (1984), baseada na icónica obra teatral de Fernando Fernán Gómez, ou El desencanto (1976), un documental imprescindible sobre o poeta Leopoldo Panero.