A Deputación e balnearios únense para fomentar o “turismo termal transfronteirizo de autor”
Trátase doutro máis dos resultados do proxecto europeo Raia Termal, que consiste na coordinación dun amplo conxunto de empresas de ambos lados da fronteira entre Ourense e Portugal para ofrecer servizos termais.
A Deputación e os balnearios da provincia lanzan a primeira proposta conxunta de “turismo termal transfronteirizo de autor”. Con esta cooperación logran, como outro máis dos resultados do proxecto europeo Raia Termal, que un amplo conxunto de empresas de ambos os lados da fronteira entre Ourense e Portugal estean coordinadas á hora de ofrecer servizos termais.
Os balnearios definen o “turismo termal de autor” como unha oferta que vai de dúas a catro noites de aloxamento, tendo como núcleo central os servizos dos centros termais, aos que se lle suman diferentes atractivos turísticos personalizados de alto valor gastronómico, paisaxístico ou enolóxico, e que no seu conxunto conforman unha experiencia turística personalizada, non masificada e respectuosa co medio ambiente.
A maioría de servizos incluídos na proposta inclúen a presenza de expertos guías residentes no territorio, creando unha oferta cun número moi reducido de prazas exclusivas. A proposta está pensada para facer gozar a todas as persoas que a realicen mostrando itinerarios diferentes e ofrecendo ese "algo máis" que todo viaxeiro termal busca.
A Deputación dixitalizará as propostas transfronteirizas
A Deputación de Ourense dixitalizará as propostas para que estean dispoñibles en tempo real e podan ser reservadas a través da plataforma tecnolóxica desenvolvida no marco do proxecto europeo Raia Termal. Así, desde este mes de outubro, calquera persoa interesada na oferta transfronteiriza poderá reservar as propostas que os balnearios vaian incorporando.
A oferta a ambos os lados da fronteira contempla desde durmir nun pazo do século XVI ata realizar unha viaxe con cata de viño do Ribeiro e degustación a bordo dun catamarán eléctrico polo río Miño cun guía local que introducirá aos visitantes na historia da comarca, pasando pola visita a adegas de ambos lados da fronteira. Precisamente, unha das propostas “de autor” incluirá a posibilidade de gozar na mesma oferta de dous balnearios diferentes, un a cada lado da fronteira. Así, por primeira vez, dous balnearios de dous países póñense de acordo para ofrecer a experiencia de poder coñecer o termalismo entendido de dúas maneira diferentes.
Combinacións gastronómicas a ambos lados da fronteira
Outro dos aspectos complementarios á oferta de servizos termais será a incorporación dunha coidada selección de posibilidades gastronómicas que son símbolos de identidade dos territorios de fronteira, desde o pulpo á feira ata o bacallau á broa ou o naco grelhado, opcións que serán recollidas nas diferentes modalidades de “turismo termal de autor”.
O resultado de Raia Termal esténdese a outros territorios da provincia e Portugal
Un dos aspectos que máis valoran as autoridades comunitarias é a transferencia de boas prácticas e a extensión dos resultados dos proxectos a outros territorios, xa que isto indica que o sector empresarial valida os resultados do proxecto ao solicitar a aplicación do mesmo no seu territorio. O Proxecto Raia Termal desenvolveuse nos municipios ourensáns de Cortegada, Lobios, Muíños e Bande e nas cámaras municipais de Terras de Bouro e Melgaço.
Un dos eixos do proxecto foi a dixitalización da oferta termal transfronteiriza, desenvolvendo unha plataforma tecnolóxica que xa foi utilizada por empresas dos municipios mencionados. Agora, balnearios e empresas da comarca do Carballiño e O Ribeiro queren sumarse á plataforma e realizar ofertas transfronteirizas a través da mesma, o cal é moi valorado polos socios do proxecto e polas autoridades comunitarias que xestionan os fondos europeos de cooperación transfronteiriza.