Xunta de Goberno

A Deputación aproba axudas a iniciativas empresariais en A Rúa, Entrimo e Toén

As achegas van destinadas a proxectos dos sectores do comercio, servizos técnicos de enxeñería e asesoramento técnico, e venda de automóbiles, nos concellos da Rúa, Entrimo e Toén.

Óscar Gómez

Ourense | 18.02.2021 08:12

A Deputación aproba axudas a iniciativas empresariais en A Rúa, Entrimo e Toén | onda cero

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida por videoconferencia e presidida polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, aprobou a resolución na que se conceden axudas de 712,50 euros ao mes (ata un máximo de 12 meses) a tres iniciativas no marco do EmprendOU, proxecto que ten como obxectivo o apoio empresarial e de autoemprego en concellos rurais en declive demográfico da provincia de Ourense. En concreto, as achegas van destinadas a proxectos dos sectores do comercio, servizos técnicos de enxeñería e asesoramento técnico, e venda de automóbiles, nos concellos da Rúa, Entrimo e Toén.

No apartado de Cooperación, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda de 51.000 euros para o Concello de Avión destinada aos gastos de funcionamento da Escola Infantil Municipal de Avión, correspondentes ao ano 2021. Con esta mesma finalidade aprobouse unha axuda de 21.000 euros para o Concello de Ribadavia para os gastos de mantemento da Escola Infantil, correspondentes ao curso 2020-2021.

En materia de cultura, aprobouse unha axuda para o Concello do Carballiño, de 6.000 euros, para a celebración do “Premio Antón Losada Diéguez”, correspondente ao ano 2021. Mentres que, para o Concello de Cenlle, aprobouse unha axuda de 17.545 euros para o estudo e proxecto de ampliación do paseo termal. Por último, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda directa de 3.000 euros, por razóns de emerxencia social ao Concello de Muíños para a reposición de mobiliario e reconstrución dunha edificación incendiada en Guntimil.