Cooperación

A Deputación apoia o patrimonio rural nas rutas de peregrinación

Manuel Baltar valorou positivamente unha iniciativa “que terá a súa incidencia directa nas vías que apostan polo turismo cultural” como no caso da Vía da Prata promovendo unha visita ao pazo do patriarca da letras galegas, Otero Pedrayo.

Óscar Gómez

Ourense | 20.09.2021 10:29

A Deputación apoia o patrimonio rural nas rutas de peregrinación | onda cero

A Deputación de Ourense apoiará un proxecto de promoción do patrimonio rural situado nas inmediacións das rutas de peregrinación europeas, o “rurALLURE”, entre cuxos obxectivos figura aumentar a visibilidade de lugares de interese cultural e dar a coñecer o acervo etnográfico, termal, natural e mesmo literario dos camiños de Santiago, un aspecto, este último, singularmente valorado por Manuel Baltar “pois ofrece unha nova perspectiva ao ter presentes a relevantes personaxes do mundo das letras, como no caso da Vía da Prata promovendo unha visita ao pazo do patriarca da letras galegas, Otero Pedrayo, e destacando á literatura como a maior creadora de simboloxía nos camiños”.

O presidente provincial comprometeu o apoio loxístico da institución tras escoitar os detalles do proxecto presentado no Pazo Provincial pola decana da Facultade de Historia do campus de Ourense, Susana Reboredo, acompañada polo director da iniciativa, Martín López, e o investigador e ruralista Óscar Penín. A Universidade de Vigo lidera este proxecto, de carácter europeo, no que participan institucións de España, Portugal, Italia, Noruega, Eslovaquia e Hungría e no que colaboran membros da comunidade universitaria nas especialidades de historia, xeografía, artes ou enxeñería.

Manuel Baltar destacou que a orixe deste proxecto está no Ourense Rural Summit, celebrado a finais de outubro de 2019, onde baixo a organización da Deputación de Ourense e a Universidade de Vigo reuníronse no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil máis dun cento de representantes de universidades, empresas, asociacións de desenvolvemento rural e emprendedoras rurais de diferentes países, para debater sobre sustentabilidade, innovación e impulso ao medio rural.

“Agora vemos con satisfacción que daquela cita seguen a saír iniciativas que terán a súa incidencia directa nas vías que apostan polo turismo cultural, sinaladamente os camiños de Santiago, a Vía da Prata ou o Camiño Miñoto, poñendo de relevo da man do talento que representa a Universidade o noso gran territorio rural marcado pola historia”. Para o presidente provincial, “rurALLURE encaixa perfectamente nos obxectivos de promoción e posicionamento de Ourense, especialmente nun momento no que debemos fortalecer a colaboración pública e privada para responder aos retos e oportunidades que implicará a chegada da alta velocidade”.