A Deputación amplía a colaboración co Concello de Monterrei
O presidente do goberno provincial explica que esta achega encaixa perfectamente na estratexia termal que desenvolve a institución provincial, “poñendo en valor os enclaves balnearios que se estenden por todo o noso territorio”
A Deputación de Ourense contribuirá á continuación das obras de rehabilitación do balneario de Requeixo, un proxecto que desenvolve o Concello de Monterrei e que agora entra nunha nova fase trala consolidación das edificacións existentes no complexo. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, comprometeu esta nova axuda logo do encontro que mantivo no Pazo Provincial co alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, reunión na que ademais se fixo un seguimento das obras de reparación dos danos ocasionados polas riadas de decembro de 2019, traballos tamén cofinanciados pola Deputación.
Manuel Baltar explicou que a nova achega comprometida encaixa perfectamente na estratexia termal que desenvolve a Deputación por toda a provincia, “poñendo en valor os enclaves balnearios que se estenden por todo o noso territorio”. Os traballos que se están a facer no complexo de Requeixo son un exemplo desta liña de traballo, destacou José Luis Suárez, “polo que as miñas palabras non poden ser máis que de agradecemento á disposición do presidente da Deputación,que sempre está aí colaborando con nós”.
O alcalde de Monterrei sinalou que con esta axuda, por importe de 48.000 euros, reconstruirase a antiga “bubet”, ou quiosco das augas do balneario, seguindo as fotografías que se conservan da época. Adiantou ademais que se está tramitando a ampliación a 25 anos da cesión do complexo situado en Vilaza, pertencente á empresa Aguas de Fontenova, logo dun primeiro convenio no que se establecía unha concesión inicial de catro anos.
No marco deste acordo coa empresa propietaria, engadiu José Luis Suárez, “vimos facendo actuacións co apoio da Deputación”. Así, unha primeira axuda, tamén de 48.000 euros, permitiu intervir nas edificacións alí existentes: o hotel balneario, a antiga sala de embotellado e a zona do Muíño, co obxectivo de eliminar a maleza que invadía os inmobles, limpar o interior das construcións e consolidar os muros e paredes.
Reparación de pistas e camiños agrícolas
Na xuntanza, o presidente do goberno provincial e o alcalde de Monterrei tamén repasaron os traballos executados en distintos puntos do municipio para reparar os danos que ocasionaron as riadas de decembro de 2019 nas infraestruturas locais. Daquela, o Estado aprobou unha orde de axudas que os concellos tiñan que cofinanciar ao 50 %, “é aí estivo a Deputación, desde o primeiro momento, achegando os 120.000 euros que lle correspondían pagar a Monterrei”, destacou o rexedor.
As obras, cun custo próximo a 240.000 euros, consistiron na reparación das pistas e camiños agrícolas deteriorados polo desbordamento dos ríos Támega, Búbal e Rubín e que afectaron con máis intensidade ás localidades de Vilaza e Albarellos, ademais doutros núcleos de poboación nas parroquias de Estevesiños e Vences. Executáronse cinco obras para reposición do asfaltado, eliminación de fochancas e limpeza de gabias, “actuacións moi necesarias para nós pola importancia destas vías, moi transitadas polos agricultores”.