O P.P. denuncia a nefasta xestión económica do concello de Ourense
“Os populares non imos seguir sendo cómplices desta situación nin continuar dando osíxeno mentres non se paguen as débedas pendentes coas pemes e autónomos da nosa cidade" señala Sonia Ogando.
Tras a celebración do pleno extraordinario, no que se pretendían aprobar dúas modificacións de crédito que adolecían dos informes preceptivos, o Partido Popular ratifica que non vai a permitir que persista a nefasta e preocupante xestión económica do concello de Ourense.
“Nos expedientes que se ían a someter a votación, o propio órgano de xestión orzamentaria xa admite nos seus informes que non pode afirmar taxativamente que os remanentes sexan suficientes para atender posibles sentenzas xudiciais, atrasos nas contratacións en precario, atrasos en persoal, etc.”, denuncia a portavoz, Sonia Ogando, quen tamén quere deixar claro que “todos os traballadores do concello realizan con rigurosidade e profesionalide as súas funcións”.
Unha das maiores preocupacións do Partido Popular é a débeda que o concello de Ourense ten cos seus provedores, que está afogando ás empresas: “Non se trouxeron pagos a provedores nestas dúas modificacións de crédito que viñeron hoxe, tal e como os populares xa reclamamos no pasado pleno ao goberno municipal, onde lle pedimos que fose valente e aportara, unha a unha, as máis de 1.000 facturas que están no caixón da área de infraestruturas, e noutras áreas, sen pagar ás empresas e autónomos da nosa cidade”, recorda a concelleira.
O Partido Popular descoñece a débeda coa empresas
“Os populares non imos seguir sendo cómplices desta situación nin continuar dando osíxeno mentres non se paguen as débedas pendentes coas pemes e autónomos da nosa cidade. É preciso unha planificación axeitada que permita un mellor e máis eficiente funcionamento da entidade, e por iso ao pleno ordinario deste venres levaremos unha moción para instar ao goberno municipal a elaborar os orzamentos para o ano 2024”, reitera Sonia Ogando, quen tamén asegura que “descoñecemos a canto ascenden as débedas do concello, que acabaremos pagando todos os veciños con impostos máis altos”.