Logo do título logrado o ano pasado polo Celta Atletismo na categoría masculina e no que se rachaba a hexemonía exercida pola Gimnástica nos últimos once anos, cabe agardar para esta cita un gran encontro na que os pontevedreses intentarán recuperar o título e segir sumando copas ás súas once actuais que o acreditan como o conxunto galego con máis títulos. Pola súa contra, o Celta acude tamén ca moral de saber posible reeditar o triunfo do ano pasado e sumar a súa sexta copa.
Para o terceiro posto de podio, posicionanse tanto Atletismo Sada como Atletismo Narón como principais favoritos, sen esquecer nin ao Marineda Atlético nin ao Atletismo Santiago.
Na categoría femenina o Sanysec-Ourense Atletismo parte a priori como o rival a batir polo resto de equipos logo do importante reforzo experimentado polo conxunto de As Burgas nos últimos anos o que lle permitiron erguer a Copa nas edicións do 2024 e 2025 ademáis de lograr o ascenso á segunda División RFEA. Precisamente esa mesma división era a que salvaba o Celta Atletismo in extremis o ano pasado polo que a bo seguro acudirán a Expourense con gañas de comezar con boas sensacións este 2026.
A Gimnástica de Pontevedra será outro dos equipos que tamén estarán na loita directa polo título nun campionato na que o RIA Ferrol, quen lograba recuperar o posto na División de Honra, non acostuma acudir a esta cita con todo o seu verdadeiro potencial.
Este campionato representa un excelente banco de probas para poñer a punto as últimas fichaxes dos conxuntos de cara as competicións por clubs deste 2026 que darán comezo a finais do mes de abril.