O Consello Reitor do Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense aprobou por unanimidade na súa xuntanza deste mediodía o proxecto básico e de execución de acondicionamento do polideportivo municipal da Carballeira. O investimento de 271.028 euros permitirá poñer en valor e acometer unha substancial mellora das condicións de uso deste equipamento municipal, no que se practican a diario diferentes modalidades deportivas como fútbol sala, patinaxe, hóckey liña e hóckey sala, sobre todo, e outras como baloncesto ou balonmán, de forma máis puntual.
O proxecto aprobado polo CMD, redactado por Juan Carlos Mangana, recolle cinco liñas básicas de actuación:
Instalación de cuberta por unha tipo "sándwich" para a mellora do confort térmico no interior da instalación, así como unha mellora dos ruídos.
Novas bancadas para o público.
Iluminación de baixo consumo, tipo LED.
Novo pavimento deportivo indicado para as disciplinas que alí se practican.
Execución dun novo espazo que sirva de almacén de materiais para as distintas entidades.