Os restos de dous dos individuos atopados na fosa de Celanova que se exhumou a finais de 2022 corresponden a Marcelino Fernández García e a Abelardo Suárez del Busto, dous mozos asturianos fusilados o 22 de setembro de 1939 no cemiterio de Celanova por unha unidade militar falanxista.
As mostras de ADN contrastadas coas dunha filla, Josefa, no caso de Marcelino, e coas dunha neta, Graciela, no caso de Abelardo, obteñen unha compatibilidade de 99,9%, o que confirma os resultados da análise forense e a hipótese da investigación histórica. As familias xa foron informadas. E os resultados fixéronse públicos este 25 de abril nunha rolda de prensa no Liceo de Ourense na que participaron Concepción López, historiadora do Grupo Histagra da USC e responsábel da documentación da fosa; Fernando Serrulla, antropólogo forense do IMELGA (Instituto de Medicina Legal de Galicia); Mario César Vila, arqueólogo, responsábel de Tempos Arqueólogos, empresa que executou a escavación; e Ana Mosquera, investigadora do Laboratorio de Xenética do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC, en representación do equipo multidisciplinar que se encargou da intervención na fosa.
A intervención, que se enmarca no Plan de Memoria Democrática 2022, vivirá o seu seguinte fito nas próximas semanas coa cerimonia de entrega dos restos ás familias. Mentres, o grupo de traballo en colaboración co Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova seguirá na procura das familias dos outros cinco mozos que foron fusilados canda Marcelino e Abelardo aquela mañá de 1939.