Concello de ourense

A Confederación do Miño-Sil e o Concello de Ourense asinan o Convenio que posibilitará a mellora do saneamento do núcleo de Velle

As obras, cun orzamento 3 millóns de euros, consistirán na renovación da rede de colectores existente e a execución da infraestrutura necesaria para a súa incorporación á rede de saneamento xeral ata o seu traslado á EDAR de Reza.

No momento actual, a rede de saneamento dunha parte da parroquia de Velle non está conectada ao sistema xeral de saneamento de Ourense, dispoñendo de catro fosas sépticas cuxo funcionamento resulta ser moi deficiente e provoca recorrentes verteduras ao río Miño.

Óscar Gómez

Ourense | 09.02.2022 13:52

A Confederación do Miño-Sil e o Concello de Ourense asinan o Convenio que posibilitará a mellora do saneamento do núcleo de Velle | onda cero

Armando Ojea, tenente de alcalde do Concello de Ourense, e José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, rubricaron o convenio de colaboración para o financiamento, execución e posterior entrega das obras de mellora do saneamento e depuración de augas residuais en Velle.

José A. Quiroga sinalou que este proxecto, que supón un investimento de máis de 3.000.000 €, será sufragado ao 50% entre ambas as administracións, en aras da colaboración institucional que este organismo de conca lles brinda aos distintos concellos que presentan deficiencias nos seus sistemas de depuración, que minguan a calidade da auga dos nosos leitos fluviais.

No momento actual, a rede de saneamento dunha parte da parroquia de Velle non está conectada ao sistema xeral de saneamento de Ourense, dispoñendo de catro fosas sépticas cuxo funcionamento resulta ser moi deficiente e provoca recorrentes verteduras ao río Miño, augas arriba do encoro de Velle, o que podería afectar á toma de auga potable situada na marxe esquerda do río. Ademais, a situación destas fosas en lugares de complicado acceso dificulta enormemente o seu mantemento e explotación.

As obras consistirán na renovación da rede de colectores existente e a execución da infraestrutura necesaria para a súa incorporación á rede de saneamento xeral da cidade, ata o seu traslado á depuradora de Reza. O proxecto está redactado e conta con informe ambiental e de patrimonio cultural favorables, e todo preparado para o inicio do procedemento expropiatorio.