A Confederación Hidrográfica non ve viable a instalación dunha plataforma flotante no Río Miño
Pérez Jácome, tras revisar o estudo viabilidade para unha instalación flotante na marxe dereita do río Miño, insiste na necesidade buscar outras solucións que revitalicen a contorna fluvial
O Concello de Ourense recibiu recentemente o estudo de viabilidade para a instalación dunha plataforma flotante destinada a actividades de lecer e hostalaría no leito do río Miño ao seu paso pola cidade. O estudo propón 3 posibles localizacións, destacando unha augas abaixo da Ponte Romana e outra fronte ao centro comercial por ser as que contan cunha mellor conexión coa cidade.
A instalación tería por obxectivo dispoñer dun lugar cómodo e seguro no que relaxarse e deleitarse dunha oferta hostaleira ao pé do leito do río mentres se goza das vistas da Ponte Vella. Serviría á súa vez como unha atracción turística máis.
As conclusións do estudo, tras consultar á Confederación Hidrográfica Miño-Sil e ao Organismo de Augas de Galicia, indican que existe unha gran dificultade para a obtención das autorizacións administrativas que permitan tanto a instalación da plataforma como o uso proposto, polo que tamén analizaron o uso dunha embarcación tipo barcaza amarrada na época estival, atopándose con similares dificultades administrativas.
O alcalde evita renderse ante os problemas xurdidos e, para que a resolución do asunto non se pospoña durante varios anos, propón que se exploren intervencións cunha aprobación máis fácil, rápida e que requiran menor burocracia. Así, persoal do Concello traballa en propostas alternativas, máis facilmente reversibles e cun menor custo económico, que contribúan á posta en valor desta contorna, e que poidan ser implantadas de forma gradual para que sexan os propios habitantes da cidade quen, co seu uso e aproveitamento, determinen a súa validez.
“Aproveitar o paso do río Miño pola cidade de Ourense para que os cidadáns dispoñan de espazos de esparexemento xunto a unha contorna natural privilexiada é algo do que non se pode prescindir. Xa son moitas as persoas que aproveitan os días de sol para achegarse a estas zonas, e queremos proporcionarlles servizos adicionais que teñen unha gran demanda”, asegura o alcalde.