O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Castelo de Monterrei a preto de 60 alumnos de segundo e terceiro da ESO do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova que participan no programa “Coñece Ourense”, unha iniciativa da institución provincial posta en marcha hai cinco anos para difundir entre os máis novos o patrimonio natural, arquitectónico e artístico da provincia.
Manuel Baltar destacou que este programa “é o mellor xeito de promover entre a mocidade o orgullo de pertenza á provincia, de axudarlles a que coñezan a súa historia, o territorio, a etnografía, a riqueza paisaxística e natural e presuman de todo elo, e iso chámase Ourensanía”. Unha forma máis, engadiu, “de darlle visibilidade á provincia, desta volta a través da mirada dos máis novos, nunha aposta deste goberno provincial que polo seu éxito de participación nos indica que estamos no bo camiño e non ten marcha atrás”.
O castelo de Monterrei foi un dos lugares que os alumnos do IES Celso Emilio Ferreiro de Celanova visitaron durante a súa estadía na comarca, que comezou a primeira hora da mañá en Verín cunha visita á estatua do Cigarrón, para achegarse despois á Casa dos Acevedo, ao Concello, á Casa do Escudo e á igrexa de Santa María A Maior. A visita continuou en Cabreiroá e no balneario de Caldeliñas, lugares onde os alumnos tiveron a oportunidade de coñecer outro dos importantes recursos desta zona da provincia, como é o termalismo.
O programa “Coñece Ourense”, que comezou en 2016, permitirá que preto de 800 estudantes coñezan ao longo deste ano outros lugares de interese da provincia onde pode observarse a pegada castrexa, como en San Cibrao de Lás; o campamento romano de Bande; A Ribeira Sacra e os mosteiros de San Pedro de Rocas, Santa Cristina e Montederramo, así como tamén os de Celanova e Oseira, ou o pazo museo de Ramón Otero Pedrayo en Trasalba.