Tecnología

Concurso para deseñar a camiseta oficial de Galiciencia 2022

O alumnado de Primaria de toda Galicia pode participar no concurso. O 25 de marzo remata o prazo para presentar as propostas, que deberán centrarse na temática desta edición da feira, a “Economía circular”.

Óscar Gómez

Ourense | 14.02.2022 12:07

Concurso para deseñar a camiseta oficial de Galiciencia 2022 | Tecnópole

Galiciencia é a maior feira científica da na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde o ano 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Empresa e Innovación; e co patrocinio da FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación). Esta 17ª edición celebrarase no mes de maio de xeito presencial.

Ademais do concurso de proxectos, convócase o concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia 2022. Este certame diríxese a todo o alumnado de Primaria dos centros educativos de Galicia. As propostas deben ter como punto de referencia calquera obxecto ou contorna relacionada coa temática desta edición da feira, a “Economía Circular”. O prazo para presentalas remata o vindeiro 25 de marzo.

Todos os participantes que desexen formar parte deste concurso deberán enviar un correo electrónico cos seus deseños escaneados a galiciencia@tecnopole.gal. Tamén se poden presentar os orixinais na recepción do Parque Tecnolóxico de Galicia, xa sexa en persoa ou por correo postal.

Poderanse presentar ata un máximo de dous deseños por persoa, tanto de xeito individual como en grupo. Deberán ser orixinais e inéditos e non ter sido premiados en ningún outro certame. Entregaranse nun folio tamaño A4 e o deseño en si deberá ocupar alomenos a metade do folio e realizarse sobre fondo branco. Cómpre indicar o título da obra, o nome completo do autor, o centro educativo ao que pertenece, xunto a un teléfono de contacto e correo electrónico do docente ou titor do alumno/a participante.

Un xurado de expertos decidirá a proposta gañadora, que se fará pública a través da páxina web e das redes sociais de Galiciencia. O premiado recibirá camisetas para toda a súa clase de Primaria, con exemplares tamén para os seus docentes e familiares. Así mesmo, distribuiranse camisetas entre o persoal da organización e entre o alumnado que presente os seus proxectos na feira.