Concertos, maxia, danza, actividades infantís e mercado medieval nas festas de Ourense
Haberá grandes orquestras na Alameda, espectáculos de maxia diarios nas Mercedes, xogos de auga para a rapazada no Posío, mercado medieval e concertos de Heredeiros da Crus, Maikel Delacalle e Lil Cake e Los Rebeldes.
As Festas de Ourense 2023, que se celebrarán do 21 ao 25 de xuño haberá grandes orquestras, espectáculos de maxia diarios e xogos de auga para a rapazada, mercado medieval e concertos de Heredeiros da Crus, Maikel Delacalle e Lil Cake e Los Rebeldes, como actividades máis salientables dunhas festas que se pecharán, o domingo 25, cun espectáculo pirotécnico nas marxes do río Miño. As atraccións estarán emprazadas no parque do Barbaña.
Concertos. A volta aos escenarios de Heredeiros da Crus será en Ourense, no marco das festas maiores, o venres 23 na rúa Pardo de Cela. Ademais, Los Rebeldes tocarán o sábado 24 na rúa do Progreso -Alameda- e haberá un concerto especialmente dirixido para o público adolescente: o domingo 25, a cargo de Maikel Delacalle e Lil Cake.
Orquestras. Cada día unha orquestra: os asturianos Tekila serán os encargados de abrir o programa, o mércores 21. O xoves estará o Combo Dominicano, o venres La Fórmula, o sábado de madrugada a orquestra Cinema e o domingo, os ourensáns Horizon.
Público infantil. Neste programa dirixido a público de todas as idades, cobran especial importancia as actividades dirixidas á rapazada. Así, desde o xoves 22 até o venres 25, haberá espectáculos de maxia diarios na praza das Mercedes ás 12.00 e ás 13.00 horas do mediodía, e ás 18.00 e 19.00 horas, pola tarde, a cargo de diferentes artistas. Tamén se organizarán, durante todos os días, xogos de auga no Xardín do Posío. As atraccións estarán emprazadas no Parque do Barbaña.
Mercado Medieval. Outra das citas importantes das festas será a do Mercado Medieval, que ocupará gran parte do centro histórico da cidade con actividades durante todo o día. A Praza Maior acollerá, ademais, un espectacular Desafío de Maxia, o venres 23, data na que tamén se poderá gozar dunha Gala de Baile.
As festas rematarán o domingo 25 co tradicional espectáculo pirotécnico nas marxes do río Miño.
O programa completo pódese consultar en https://www.ourense.gal/gl/programacion/