O Concello rozará 267.000 metros cadrados de espazos públicos
Unha empresa de inserción realizará os traballos, con especial atención ás marxes dos ríos e rozas con criterios ambientais e sociais
O Concello de Ourense contratará a un centro especial de emprego os traballos de control da vexetación de crecemento espontáneo e a roza dos espazos públicos da cidade. O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, encomendoulle ao servizo de Medio Ambiente a elaboración da documentación para contratar estes traballos, moi demandados e necesarios para velar polo mellor estado dos espazos públicos. O contrato estará reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción nos termos previstos na disposición adicional cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.
Estes traballos realízanse todos os anos e son moi reclamados pola cidadanía por diferentes vías. Ata o de agora se facían por parte de brigadas municipais co reforzo de empresas do sector. Para este ano, tendo en conta as previsións de traballo, o Concello opta por licitar o servizo, a través dun contrato pioneiro, reservado a centros especiais de emprego e de iniciativa social para empresas de inserción. O contrato abrangue unha superficie total de actuación de 267.000 m2, entre os que salientan as pola súa dimensión as ribeiras dos ríos Miño, Barbaña e Barbañica. O contrato ten unha duración dun ano por importe de 53.835,25 euros, prorrogable por outro ano máis.
Roza con criterios ambientais e sociais
O obxecto do contrato é prestarlle ao Concello un servizo de control da vexetación de crecemento espontáneo mediante roza efectuada con criterios ambientais e sociais. A empresa adxudicataria dos traballos actuará baixo demanda, nos espazos nos que desde o servizo de Medio Ambiente se detecte a necesidade de intervir.
A presenza de vexetación de crecemento espontáneo sen control aumenta o risco de posibles focos de incendio, ten efectos prexudiciais sobre camiños, sendas e zonas verdes, comprometendo as condicións fitosanitarias, estéticas, de seguridade e de salubridade das zonas públicas nas que habita. Por estes motivos, a vexetación de crecemento espontáneo e o desenvolvemento das súas poboacións deben ser obxecto de análise preventiva e seguimento para o seu control mediante métodos e instrumentos adecuados.
Os traballos realizaranse utilizando métodos mecánicos -rozado-, non se utilizarán métodos químicos -herbicidas-. A documentación técnica xa está terminada, realizada a consignación orzamentaria, e o expediente atópase nas fases previas á súa licitación.