O Concello de Ourense reforza a programación do Entroido que duplica o seu orzamento
O Concello de Ourense comeza a instalar unha espectacular carpa na Praza Maior, da empresa que realizou as dos Xogos de Río, aumenta o apoio aos entroidos dos barrios, cunha achega de case 50.000 euros e o centro comercial Ponte Vella pon a disposición da festa o seu aparcamento, que será gratuíto o Domingo.
A Concellería de Artes e Festexos do Concello de Ourense reforza a programación do Entroido 2022, incrementando a oferta de actividades, o apoio aos entroidos dos barrios (Seixalbo, Eiroás e A Ponte) e incorporando novos elementos de dinamización que potencien o seu posicionamento como a gran festa da cidade. O Concello duplicará por este motivo o orzamento previsto desta próxima edición, que se desenvolverá do día 24 de febreiro até o 2 de marzo. O investimento previsto na cidade, de máis de 100.000 euros, como anunciou o alcalde a semana pasada na presentación da festa, máis o reforzamento da programación máis a achega que realizará o Concello aos entroidos dos barrios, elevarán o investimento total no termo municipal a máis de 300.000 euros.
Comezaron os traballos de instalación da carpa principal da festa, que estará na Praza Maior. O goberno municipal quere que este espazo sexa un dos centros neurálxicos de celebración para a veciñanza e visitantes do Entroido, como punto de encontro e escenario de actividades festivas, tanto para o público adulto como para o infantil. O Concello contratou a instalación dunha espectacular carpa de importación, a cargo da mesma empresa que realizou as carpas dos Xogos Olímpicos de Río. “Será a mellor carpa de Galicia”, asegura a organización.
Tamén reforza en 2022 o Concello a súa implicación cos entroidos dos barrios, chamados a ser un ano máis epicentros da festa. Así, destinará unha achega total de case 50.000 euros aos entroidos da Pita das Eiroás, de Frei Canedo, da Ponte e de Paquita e Nicanor, de Seixalbo.
Aparcamento gratuíto, no centro comercial
O centro comercial Ponte Vella súmase á festa na cidade e pon á disposición do Entroido as 680 prazas do seu aparcamento, que serán de uso gratuíto durante a xornada do Domingo de Entroido, na que se desenvolven algunhas das actividades que mobilizan un maior número de participantes e público en xeral, tanto da cidade como procedente doutras localidades, como son o Desfile do Comparsas e Carrozas, que sairá ás 17 horas desde As Lagoas, até a rúa do Progreso, pasando polas rúas Curros Enríquez e Xoán XXIII, coa actuación das charangas Dr. Anchoa, Trópico de Grelos, CLK e Castro Bello. Esa xornada continuará co baile coa orquestras Marbella na rúa do Progeso e a entrega de premios do concurso de comparsas e carrozas, ás 20h.
O Concello de Ourense ten todo listo xa para a primeira “grande festa da cidade logo da pandemia”, cunha programación chea de propostas, na que amais do tradicional desfile, haberá animación de rúa, actuación de orquestras “top”, festas infantís, desfile escolar, animación de entroidos tradicionais, sesións de DJ para ambientar as noites do Entroido, ou o Enterro da Sardiña que coma todos os anos poñeralle fin á celebración.
O Concello de Ourense amplía en dúas horas os horarios dos locais de ocio nocturno
A concelleira de Urbanismo, Sonia Ogando, dictou un decreto para tal efecto que estará vixente entre o 24 de febreiro e o 02 de marzo, ambos incluídos, atendendo deste xeito as peticións dos profesionais da hostalería e o ocio nocturno.
“Con esta medida, queremos apoiar a un sector que dá emprego na nosa cidade, así como promocionar a gran festa de Ourense, sen prexuízo de que se deban cumprir as normas sanitarias en materia COVID e sempre que se cumpran requisitos como ter vixente a licenza de apertura do local, respectar o aforo máximo autorizado, cumprir a ordenanza en materia de ruídos e que as actividades desenvolvidas sexan as amparadas pola súa licenza, así como que non se incumpra calquera norma que afecte á seguridade do local e das persoas”, explica Sonia Ogando.