O Concello reforza a aposta polo Entroido como grande festa da cidade
Catro grandes carpas servirán de epicentros dunha festa, que contará con desfiles, actividades infantís, concertos e sesións de DJ´s, amais dos entroidos das Eiroás, Seixalbo e A Ponte.
Todo listo para a grande festa da cidade: o Entroido 2022, que se desenvolverá do 24 de febreiro ao 2 de marzo cunha ampla programación de actividades para todos os públicos. O Concello reforza a súa aposta pola que será a “primeira gran festa da cidade logo da pandemia”, segundo destacou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen incidiu no potencial da celebración “máis importante da cidade e da provincia”.
O alcalde presentou a programación das actividades organizadas polo Concello para esta cita, acompañado do colaborador Paco González, a técnica da Concellería de Artes e Festexos, María Díaz, e representantes dos entroidos da cidade: A Pita das Eiroás, Frei canedo, da Ponte e Paquita e Nicanor, de Seixalbo, tres celebracións que serán tamén “epicentros da festa”
Se todo sae ben podemos ter un dos mellores entroidos da historia
Catro grandes carpas servirán como centros neurálxicos da festa na cidade, situadas na Praza Maior (de 700 m2 nunha estrutura en forma de cúpula), Bispo Cesáreo, diante de Correos, onde estarán as orquestras, a Praza de Santa Eufemia (con charangas e DJ) e Praza do Correxidor (onde actuarán DJ´s). Da animación encargaranse un total de 25 charangas, e a música estará tamén presente coa actuación de 4 “orquestras top”. Para a cativada prográmanse tamén festas infantís e un desfile escolar, que se desenvolverá o venres, 24. E como todos os anos, a grande cita será o Desfile do Entroido, que percorrerá as rúas da cidade o domingo, 27 de febreiro. A este respecto, o alcalde lembrou que até o día 22 ás 14h está aberto o prazo de inscrición no concurso de comparsas e carrozas, cuxa información se pode consultar en www.ourense.gal
“Se todo sae ben podemos ter un dos mellores entroidos da historia”, asegurou Pérez Jácome, quen puxo en valor o feito de que, logo de que se aprazasen os carnavais como os de Tenerife ou Cádiz, “Ourense vai quedar como o mellor entroido do Estado español. É a nosa festa por excelencia, na que somos referentes en toda Galicia e norte de España”. O alcalde confía que Ourense afiance a súa posición “e sobre todo que a xente desfrute das que poderían ser as primeiras grandes festas logo da pandemia”, lembrando que aínda que a
cidade tivo unha grande celebración do Nadal, esta veuse afectada por restricións sanitarias importantes, como o toque de queda.
O alcalde subliñou tamén que a festa coincidirá coa celebración do Campionato de España de Atletismo en pista cuberta, o que vai supoñer un importante estímulo á hostalaría local, e que tamén será o primeiro Entroido no que a cidade conte coa conexión con Madrid a través do tren de alta velocidade.