O Concello de Ourense proporalle a UNED que a antiga prisión sexa a súa sede
O alcalde de Ourense trasladaralle a proposta ao Consorcio da entidade, que se achegaría así ao centro urbano e revitalizaría a contorna
O Concello de Ourense proporalle á Universidade Española de Educación a Distancia (UNED) que a antiga cárcere da rúa do Progreso sexa a súa nova sede na cidade. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome retoma esta idea coa vontade de darlle novo uso público a este inmoble, de titularidade municipal, mediante unha rehabilitación que que contribúa a dinamizar a contorna na que se atopa, logo de que a Deputación Provincial de Ourense desbotase a posibilidade de realizar unha permuta co Concello para emprazar oficinas administrativas neste inmoble.
O alcalde de Ourense convocará unha xuntanza do Consorcio da UNED para trasladarlles esta proposta de forma que o edificio sexa a nova sede na cidade da entidade formativa. Porén, o alcalde mantén a aposta pola rehabilitación do edificio e, no caso de que non fose sede da UNED, acometerá a súa reforma para acoller dependencias municipais. De feito, explica, xa está encargada a redacción do anteproxecto para a rehabilitación do edificio, e só queda pendente definir o seu uso futuro: sede da UNED ou dependencias do Concello de Ourense.
Explica o alcalde de Ourense que desde o Concello lle propuxera ao presidente da Deputación a posibilidade de realizar unha permuta ou compensación para que o edificio fose a sede institucional da institución provincial, dada a súa vontade de converter a actual nun hotel balneario.
Logo de que esta proposta fose rexeitada pola Deputación, a Alcaldía explora outras posibilidades para darlle uso público ao edificio histórico. “Contratamos o anteproxecto de rehabilitación do edificio e simplemente temos que definir cal va ser o seu uso”, explica Pérez Jácome. Neste senso, detalla o rexedor, “a primeira opción sería a sede á que trasladar a UNED, que agora mesmo está un pouco deslocalizada na zona do Pino. Poñeriámola no centro de Ourense, de forma que revitalizaría esa zona da rúa do Progreso. Sería unha opción perfecta, xa que lle daría moito lustre á zona coa reconversión deste edificio”. Con este propósito, o alcalde convocará unha xuntanza co Consorcio da UNED “para tomar un acordo de forma consensuada”. Porén, a rehabilitación do edificio levarase a cabo con esta ou con outra finalidade. O Concello valorou a posibilidade de que o inmoble puidese ter un uso como hotel balneario, mais esta opción foi descartada polas súas reducidas dimensións, pero si podería ser axeitado para acoller dependencias do Concello de Ourense. Así, conclúe o alcalde, “no caso de que a UNED a rexeitase como sede, fariamos oficinas municipais”.