O Concello de Ourense obtén 4,2 millóns de euros para a mellora da mobilidade na cidade
O alcalde destaca a “excelente noticia” para a cidade e lembra que durante este mandato o Concello conseguiu axudas por importe de 12 millóns de euros.
O Concello de Ourense obtén 4,2 millóns de euros para proxectos de mellora de mobilidade na cidade. A Secretaría Xeral de Transportes e de Mobilidade do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana comunicou no día de hoxe a resolución provisional de concesión de subvencións da segunda convocatoria do programa de axudas a municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O programa está financiado polos fondos da Unión Europea – NextGenerationEU.
A resolución outórgalle ao proxecto presentado polo Concello de Ourense unha subvención total de 4.212.051,11 €. Esta contía é a máxima á que podía optar dada a súa poboación e os criterios de cuantificación das axudas establecido na convocatoria. Dará apoio a 5 actuacións:
- Implantación dun sistema de bicicletas eléctricas público en Ourense: axuda por importe de 279.286,91 €
- Humanización da rúa Alejandro Pedrosa e da avenida de Portugal: axuda por 2.217.866,71 €
- Implantación dunha zona de baixas emisións (ZBE): axuda por 738.867,65 €
- Aparcadoiro disuasorio no parque Coto de Canedo: axuda de 549.727,64 €
- Mobilidade vertical para salvar as diferencias de nivel entre diferentes puntos da cidade: axuda de 426.302,20 €
O custo total das 5 actuacións que desenvolverá o Concello é 18.968.209,11 €, IVE engadido
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, manifestou que a concesión destes fondos “é unha noticia excelente para a cidade, xa que se van destinar a accións de mellora da calidade de vida da veciñanza, e van estar financiados en gran medida por diñeiro externo, que tanta falta lle fai á cidade”. O alcalde destacou a alta puntuación do proxecto presentado polo Concello, o que dá proba do “gran traballo realizado desde aquí”.
O alcalde lembrou que, recentemente, o Concello obtivo tamén subvencións por importe de 5 millóns de euros para a adquisición de autobuses eléctricos, axudas para proxectos de mobilidade vertical -coma as ramplas de Concordia-, 2 millóns de euros para un marketplace “coa mellor puntuación de toda España” e outra subvención para pasos elevados. “Achegámonos aos 14 millóns de euros de subvencións neste mandato “, resumiu Pérez Jácome.