O Concello de Ourense investirá case 820.000€ en 19 novos parques infantís
Permitirá a instalación de máis de 100 novos xogos infantís para o desfrute dos máis pequenos da familia, con novos xogos inclusivos e a mellora da accesibilidade de todos os recintos.
O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente, levará a cabo a remodelación de 19 parques infantís nos diferentes barrios da cidade, cun orzamento total de 820.296,28€, segundo informe de valoración da mesa de contratación de data 31 de maio de 2022.
A adxudicación permitirá a instalación de máis de 100 novos xogos infantís para a delicia dos máis pequenos da familia, afirma o concelleiro Jorge Pumar, quen destaca a instalación de novos xogos inclusivos e a mellora da accesibilidade de todos os recintos que atenderán esta demanda tan esixida polas familias de Ourense. Outras melloras a destacar atópanse na accesibilidade e na mellora da seguridade dos recintos remodelados. As actuacións distribuiranse ao longo da cidade, e as localizacións foron elixidas en función do criterio de atender de forma equilibrada a demanda de todos os barrios da cidade.
Con esta nova actuación, Ourense contará con 33 parques infantís completamente remodelados neste mandato e o investimento realizado será de preto de 1,5 millóns de euros na mellora dos ditos parques, destaca Pumar, “sen dúbida este mandato é o das infraestruturas para o ocio das familias ao aire libre”.
A Concellería de Medio Ambiente informa que a licitación elaborouse seguindo varias liñas principais de traballo:
Mellora da seguridade dos parques para os nenos.
Innovación en novos xogos para un maior desfrute dos nenos e nenas no ocio ao aire libre,
Incorporación de xogos accesibles para a creación de novas zonas de integración para dar resposta ás necesidades dos nenos con diversidade funcional,
Mellora da sostenibilidade no entorno dos parques infantís para un maior desfrute do conxunto das familias dos parques,
Relación de Parques infantís:
- Rúa Bella Otero.
- Parque do Peco.
- Parque Zapatillas.
- Rúa Silvio Fernández.
- Rúa San Froilán.
- Parque Camelias.
- Parque Santo Cristo.
- Parque Fátima.
- Parque San Rosendo.
- Parque Valle Inclán.
- Parque os Rosales.
- Rúa Laza.
- Rúa Francisco Añón Paz.
- Rúa Gregorio Fernández.
- Rúa Río Mao.
- Rúa Asunción.
- Parque Plaza Marina.
- Rúa Cruceiro Quebrado.
- Parque Xoán de Nóvoa.
O concelleiro de Medio Ambiente recalca que as obras serán inminentes, tan pronto rematen os trámites administrativos. “A aposta destas actuacións é que cada familia de Ourense viva preto de un parque infantil renovado a menos de 15 minutos da súa casa e así os nenos de Ourense poidan desfrutar, sempre que queiran, de ocio o aire libre”, destaca Jorge Pumar.