Concello de Ourense

O Concello de Ourense inicia os traballos de plantación de árbores en alcorques da cidade

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente, inicia os traballos de plantacións de árbores en alcorques da cidade. Estas actuacións son a primeira fase do plan de plantación de mil árbores no conxunto da cidade, que se vai desenvolver nos próximos meses.

Óscar Gómez

Ourense | 21.01.2022 07:50

O Concello de Ourense inicia os traballos de plantación de árbores en alcorques da cidade | onda cero

Asegurar a permanencia do patrimonio arbóreo da cidade. Este é o obxectivo principal da campaña de plantación que a concellería inicia no conxunto da cidade, que ten como fin renovar o arboredo, substituíndo os exemplares mortos ou deficientes por árbores xuvenís, apostando sempre por novas árbores de calidade, de diferentes especies, que favorezan a biodiversidade da cidade.

Os labores iniciados teñen un obxectivo: que “todos os alcorques da cidade conten cunha árbore”, para que todos os cidadáns de Ourense poidan desfrutar da biodiversidade das especies arbóreas e das súas vantaxes medio ambientais”, afirma Jorge Pumar, concelleiro de Medio Ambiente.

Os traballos comezaron pola Praza do Couto, e nas rúas Doutor Fleming, Fernández Alonso e Faustino Santalices. Nos próximos días os traballos trasladaranse a rúas como a Avenida de Bos Aires, Sáenz Díez, Progreso ou Ervedelo, así ata alcanzar a cifra de 20 rúas replantadas.

A Concelleria de Medio Ambiente informa que nos traballos que afecten a rúas con moito tráfico rodado, os labores realízanse de noite para reducir as molestias á cidadanía.

Nesta fase dos traballos plantaranse especies arbóreas como Carpinus Betulus, Cercis Siliquastrum, Prunus Cerasifera (“Nigra”), ou Pyrus Callerryana (“Chanticleer”). A localización da plantación de cada especie é determinada polos técnicos municipais valorando a dispoñibilidade de espazo respecto ao tamaño que pode alcanzar a árbore na súa idade adulta, e tendo en conta posibles peculiaridades da rúa ou espazo verde que acolle o novo arboredo, como pode ser a proximidade de edificios, ou da contorna urbana próxima, como bancos, semáforos, luminarias, ou paradas de autobús entre outras infraestruturas que hai que ter en conta.