O Concello de Ourense inicia os traballos de limpeza integral e mellora no parque da Alameda da Ponte
O concelleiro Jorge Pumar explica que os traballos abarcarán actuacións de limpeza do recinto, revisión, reparación e mellora do mobiliario do parque; traballos de xardinería e reparación da instalación do rego da zona verde.
Os traballos, definidos no plan integral, abarcan actuacións nos parques Miño e Alameda da Ponte, onde xa se está a traballar; aos que se sumarán nas próximas semanas actuacións nos parques Barbaña, Alameda do Cruceiro, Xardín do Posio, Parque de San Lázaro, e parque da A6, en Barrocás.
Os traballos no parque da Alameda da Ponte céntranse na limpeza do conxunto do recinto, e nos traballos de recuperación e reparación de regos de auga e de recuperación de flora ornamental. Ao longo da semana incorporaranse novos equipos para tratar tamén a limpeza de graffitis, reparación e substitución de papeleiras, actuacións nos accesos e a reparación do mobiliario do parque.
O concelleiro Jorge Pumar explica que os traballos abarcarán unha segunda fase con actuacións no parque infantil, na fonte central do parque, traballos en xardinaría, e na iluminación das instalacións do recinto verde. Desta maneira, destaca Pumar, “a Concellería de Medio Ambiente atenderá o conxunto das necesidades do devandito parque para que os veciños do barrio da Ponte desfruten deste emblemática zona verde e de lecer”.
O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, recorda que é a primeira actuación destas características que se desenvolve na cidade, unha planificación ambiciosa polos seus obxectivos, e complexa na organización, xa que esixe un traballo coordinado das concesionarias de limpeza, -Ecourense-, de mantemento de zonas verdes, -Misturas-, e da empresa de xestión de auga, -Viaqua-. A estes traballos únense tamén os equipos municipais de mantemento da iluminación pública, de parques, e os de mantemento de mobiliario do Concello.
O plan ten unha dobre vertente: dunha parte, efectuar traballos de limpeza integrais, co fin de completar os labores habituais de limpeza en parques que a empresa concesionaria ven de facer de forma habitual. O plan centrarase na limpeza de monumentos, graffitis e ornato dos parques. Á vez, a empresa concesionaria afrontará traballos de rozas específicas e de reparación e substitución de papeleiras e demais contedores de recollida de lixo.
A segunda vertente afrontará os traballos de reparación e substitución de mobiliario urbano, de melloras na accesibilidade para os cidadáns, reparacións de equipamento, actuacións na iluminación dos espazos verdes e, se fose preciso, intervencións en fontes e no ornato dos diferentes parques. Estas accións completaranse con melloras nas infraestruturas verdes das instalacións: reparación e instalación de novas zonas de rego, e recuperación de zonas verdes e de arboredo. Para o conxunto dos traballos mobilizaranse máis de 60 operarios dos distintos servizos.
Jorge Pumar destaca o compromiso nestes traballos, tanto no persoal das concesionarias coma dos equipos de traballo do Concello. Pumar agradece o traballo de todos, así como as facilidades que todos dispuxeron á hora de organizar este plan, así como na atención das demandas dos veciños en cada parque.