Conciliación

O Concello de Ourense fomenta a conciliación familiar con actividades de verán

As familias interesadas poderán realizar a inscrición a través da app do Concello mOUbil

Óscar Gómez

Ourense |

O Concello de Ourense fomenta a conciliación familiar con actividades de verán | Ourense.gal

A Concellería de Educación do Concello de Ourense organiza unha nova edición de Concilia Verán, un programa que ten como finalidade ofertar actividades lúdico-educativas para a rapazada durante as vacacións de verán, ao tempo que facilitar a conciliación das familias ourensás. A edición de 2024 incorpora novidades xa que, ademais de en 9 centros educativos e na Aula municipal de Natureza, tamén haberá actividades no Espazo Makers, no Campus norte – Facultade de Informática.

As familias interesadas poderán realizar a inscrición desde o xoves, 6 de xuño, ás 9.00 horas, a través da aplicación do Concello de Ourense mOubil. O prazo rematará o día 11 de xuño.

As actividades están orientadas a fomentar hábitos de vida saudables, actitudes solidarias e de convivencia e respecto polo medio ambiente. Nos colexios, as propostas están dirixidas a alumnado de Infantil e Primaria, na Aula de Oira a Primaria, e no Espazo Makers haberá senllas quincenas para Primaria e Secundaria.

O horario será de luns a venres de 8 a 14.30 horas en xullo e agosto (agás festivos) en todos os colexios (os CEIP O Couto-Rampla de Sas, Manuel Luis Acuña, Vistafermosa, Irmáns Villar, Amadeo Barroso, Covadonga-Eiroás, Prácticas, As Mercedes e Mestre Vide). En 4 dos centros haberá atención para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Tamén haberá servizo de acollida temperá para as familias que o necesiten.

Este ano incorpórase como novidade o Espazo Makers, no edificio politécnico do campus, neste caso durante o mes de xullo e tratará temas relacionados coas novas tecnoloxías. A Aula de Natureza do río Miño, en Oira, ofertará tamén actividades, para o alumnado de Primaria, durante a derradeira semana de xuño, todo o mes de xullo e agosto, e a primeira de setembro.

Establécese unha taxa única de 10 euros por matrícula (mes, quincena ou semana), e irmáns e irmás pagarán a metade. No caso de exceso de demanda nalgún dos centros, concederanse un máximo de 2 quincenas por neno ou nena.