Concello de Ourense

O Concello de Ourense e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil avanzan na colaboración en diferentes proxectos

O alcalde solicita a demolición do edificio en ruínas do Centro de Interpretación de Outariz para utilizar os seus terreos como aparcamento para a zona termal. Concello e CHMS acometerán a rehabilitación do paseo fluvial do río Loña

Óscar Gómez

Ourense | 29.09.2023 07:59

O Concello de Ourense e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil avanzan na colaboración en diferentes proxectos | onda cero

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mantivo unha xuntanza de traballo co presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, José Antonio Quiroga Díaz, para avanzar en diferentes proxectos na cidade que requiren da colaboración das dúas entidades. Foi unha xuntanza “cordial e interesante”, segundo manifestou Pérez Jácome, que avanzou que será tamén “moi frutífera”.

O alcalde trasladoulle a disposición do Concello de que o edificio da antiga prisión da rúa Progreso puidese ser a nova sede da Confederación na cidade, xa que é unha das 4 opcións que o goberno municipal estuda como futuro uso do inmoble. Porén, a superficie dispoñible, uns 2.500 m² útiles, non semella ser suficiente para as necesidades do organismo. “En principio é difícil darlle cabida aí, xa que a Confederación ten unha demanda superior. Ogallá poidan pronto atopar algo en Ourense cidade. Nós estanos dispostos a calquera colaboración para que frutifique e realmente se defina ese proxecto aquí”, asegurou Pérez Jácome

Alcalde e presidente tamén trataron a situación do edificio do proxecto do Centro de Interpretación de Parques Naturais. O alcalde solicitou que este edificio saia da situación de ruína na que se atopa, que executen as obras de demolición necesarias e os terreos volvan ao seu estado orixinal. A parcela podería utilizarse como zona de aparcamento de vehículos ao servizo das persoas usuarias da zona termal da marxe dereita do río Miño.

O rexedor tamén solicitou deste organismo que defina as condicións necesarias para poñer en marcha un sistema de acceso controlado ás Termas do Muíño da Veiga, que permita mellorar a calidade do servizo.

Concello e CHMS estudan tamén acometer conxuntamente a rehabilitación do paseo fluvial do río Loña, logo dos importantes danos ocasionados polo temporal o inverno pasado. As dúas entidades expresaron a súa vontade de atender esta demanda, que lles foi trasladada tamén polas persoas residentes e usuarias deste espazo de lecer. Con esta finalidade, prevén asinar un convenio de colaboración, no que a confederación elaboraría o proxecto e financiaría as obras achegando en torno a un 80% do custo total, e asumindo o Concello o 20% restante. Concello e CHMS xa colaboran na actualidade na execución do proxecto de saneamento en Velle, cun investimento repartido ao 50% entre as dúas administracións, que prevén rematar o ano próximo.