O Concello de Ourense segue a colaborar co lecer e a formación do alumnado da cidade, desta vez coa instalación, no CEIP Mestre Vide, dun rocódromo para diferentes idades. Emprazado na parede do seu pavillón polideportivo, consta de dúas áreas diferenciadas: unha para principiantes, e outra de nivel máis avanzado, se ben os nenos e as nenas, de 4 a 12 anos, contan con colchonetas para non se mancar nas clases de Educación Física e no horario de comedor. As dimensións do rocódromo son de 27 metros de ancho por 2,50 de alto.
Recibidos polo director do centro, Juan Regal, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o concelleiro Antonio Fernández visitaron onte as instalacións do Mestre Vide. Alí puideron comprobar o estado do mural de grandes dimensións (27 metros de ancho por 9 de alto) que preside o polideportivo, igualmente de iniciativa municipal.
“Estes elementos fomentan a participación do alumnado no xogo colectivo ao mesmo tempo que aprenden os valores do deporte: o esforzo e a solidariedade”, comentou o edil Fernández Martín. Con esta mestura de lecer e formación, o Concello dá un paso máis na colaboración cos centros educativos da cidade.
--