Concello de Ourense

O Concello de Ourense abre o prazo para solicitar as axudas para libros e comedores escolares

As axudas están dirixidas a unidades de convivencia en desvantaxe social e con menor poder adquisitivo residentes no Concello de Ourense e non superen os 3.500 € de renda per cápita anual

Óscar Gómez

Ourense | 19.04.2022 08:04

O Concello abre o prazo para solicitar as axudas para entidades sociais, libros e comedores escolares | onda cero

O Concello de Ourense abre até o venres, 6 de maio o prazo de solicitude das axudas para a compra de libros, material escolar e comedores escolares. As familias interesadas poden consultar toda a información e obter os impresos na páxina web do Concello e presentar as súas solicitudes a través do Rexistro Xeral do Concello e demais formas previstas na Lei 39/2015.

A convocatoria, que realiza a Concellería de Asuntos Sociais, conta cun orzamento total de 294.250 euros, dos que 269.250 euros están destinados a comedores escolares e 25.000 para libros.

As axudas están dirixidas a unidades de convivencia en desvantaxe social e con menor poder adquisitivo residentes no Concello de Ourense que, na data en que remate o prazo de presentación das solicitudes, cumpran os requisitos de estaren empadroadas no concello, cunha antigüidade mínima de tres meses, todos os membros da unidade de convivencia, e non superen os 3.500 € de renda per cápita anual. Computarase un membro máis no caso de presentar algún deles unha discapacidade igual ou superior ao 33%, e tamén no caso de ser familia monoparental.