O Concello instala novos contedores de pilas
O concelleiro Jorge Pumar, salienta que “con esta actuación aténdese a demanda dos veciños e refórzase a rede de máis de 70 puntos de recollida pública coa que conta a cidade.
A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ourense iniciou, en colaboración coa empresa concesionaria da limpeza, Ecourense, a instalación de 12 novos puntos de recollida de pilas. Estarán emprazadas nas principais rúas da cidade, onde a densidade de paso peonil é máis alta, e substituirán os puntos de recollida dos mupis retirados polo Concello.
Jorge Pumar, concelleiro de Medio Ambiente, salienta que “con esta actuación aténdese a demanda dos veciños e refórzase a rede de máis de 70 puntos de recollida pública de pilas usadas coa que conta a cidade”. Ademais, lembra que a súa Concellería ten ao servizo de todos os veciños os puntos limpos fixos de Eiroás e de Santa Mariña, así coma o punto limpo móbil, “o primeiro de Galicia posto en servizo”, e que oferta o servizo de recollida de pilas, entre outros residuos, en todos os barrios da cidade.
Os novos contedores, modelo Toxy, teñen unha capacidade de recollida de 30 litros. Este contedor está fabricado en polietileno de alta densidade, un material que ofrece unha grande resistencia aos golpes, ás posibles roturas e ás agresións atmosféricas. O modelo instálase sobre poste ou báculo, con dúas aberturas: unha para pilas convencionais e a outra para pilas de botón.
Os emprazamentos destas novas instalacións para a recollida de pilas son:
Rúa Doutor Fléming
Rúa Ervedelo
Rúa Francisco de Moure (Praza do Couto)
Rúa Coruña con Avenida de Zamora,
Estrada da Granxa, 74,
Rúa Concordia con rúa do Paseo,
Rúa Parque de San Lázaro,
Avenida de Bos Aires (Praza das Mercedes)
Rúa Cardeal Quevedo con Avenida da Habana
Rúa As Lagoas, 7
Rúa Vicente Risco, 6
Avenida de Santiago con Río Arnoia
Estes puntos de recollida selectiva súmanse á oferta xa establecida na cidade, tanto en centros físicos -edificios oficiais municipais, colexios...- ou puntos limpos da cidade, ademais do servizo de recollida de pilas que oferta o punto limpo móbil.
Jorge Pumar lembra que “unha pila usada que acabe nos nosos ríos ou nos nosos montes poden tardar en degradarse máis de 100 anos, provocando fortes episodios de contaminación”. É por iso que nos convida “a reciclar pensando no noso benestar e no dos nosos fillos”.