O Concello inicia obras no centro da cidade para acadar unha "potente transformación"
O Concello inicia obras en media ducia de rúas para acadar unha “potente transformación” do centro da cidade, co obxectivo de renovar servizos e pavimentos, dándolle prioridade ao tráfico peonil.
O Concello de Ourense iniciou dúas obras que pretenden acadar unha “potente transformación” do centro da cidade. Así o avanzou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que presentou as actuacións de "pavimentación en pedra e renovación da rede de servizos nas rúas Parque de San Lázaro, Xaquín Lorenzo, Bedoya ata Valle Inclán e Cardeal Quevedo ata a avenida da Habana”; e o de “acondicionamento e mellora das rúas Valle Inclán, Ramón Cabanillas e Bedoya na súa intersección con Valle Inclán e a avenida de Bos Aires. O Concello de Ourense destinará un investimento total de 2,2 millóns de euros para levar a cabo unhas obras, explicou Pérez Jácome, “·esperadas desde hai anos polos veciños”, dado que o estado destas rúas “pedía a berros” unha intervención destas características.
Os proxectos teñen como obxectivo común renovar servizos e pavimentos, dándolle prioridade aos de pedra, e ás plataformas únicas para facilitar e favorecer o tránsito peonil, e reducir o tráfico no centro da cidade. “A transformación vai ser moi potente”, avanzou o alcalde, que afirmou que “van producir unha gran mellora da calidade de vida de todos os ourensáns, en xeral, porque este é o centro de Ourense, e moi especialmente polos residentes da zona”.
As dúas obras comezan de forma sincronizada, coa finalidade de “ser o máis áxiles posibles e afectar o mínimo á poboación”, explicou o director de obra, Martín Rejo. A obra na contorna do Parque de San Lázaro ten un prazo de execución de 6 meses e a de Valle Inclán e Ramón Cabanillas, de 5.
Cortes de tráfico durante a primeira fase das obras
A execución destas obras requirirá realizar cortes de tráfico nas rúas afectadas, a medida que vaian avanzando as diferentes fases de execución. Porén, en todo momento manterase o acceso ás vivendas e o tránsito peonil.
Os cortes de tráfico nesta primeira fase serán os seguintes
No caso da actuación na contorna do Parque de San Lázaro: Pecharanse ao tráfico a rúa Xaquín Lorenzo e parte da rúa San Lázaro (entre Cardeal Quevedo e Bedoya). O accesos aos garaxes de San Lázaro farase por Cardeal Quevedo e péchase a saída do aparcadoiro situada en Cardeal Quevedo para que a rúa pase a ser de dobre sentido.
No caso da actuación en Valle Inclán:
Pecharanse parcialmente as rúas Valle Inclán (desde Bedoya á Praza dos Ramóns) e Ramón Cabanillas (desde a Praza até Concordia). O tráfico da zona terá saída a través do tramo final de Valle Inclán (praza dos Ramóns-Avenida de Bos Aires), que cambiará o seu sentido de circulación (actualmente permite acceder desde Bos Aires á Praza, e desde o inicio das obras será en sentido contrario)