O concello exporá ao público a remodelación das liñas de autobuses
O alcalde informou na Xunta de portavoces da folla de ruta do goberno municipal para renovar o servizo de transporte no mes de xaneiro, con novos vehículos e novas rutas, comezando cun “brainstorming global”
O Concello de Ourense exporá ao público desde esta semana unha proposta de redeseño das liñas de autobús urbano coa finalidade de que particulares e colectivos poidan facer as súas achegas, suxestións e propostas para unha remodelación que o goberno municipal quere implementar no mes de xaneiro, coincidindo coa chegada dos novos vehículos ao servizo municipal.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, informou desta iniciativa nunha Xunta de portavoces, á que asistiron a voceira do PP, Flora Moure e o voceiro do BNG, Luis Seara. PSdeG-PSOE e C´s non asistiron ao encontro, por diferentes motivos. Porén, o rexedor informou o portavoz do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, nunha xuntanza que mantiveron máis tarde. O alcalde convidou tamén os grupos municipais a participar activamente na elaboración dos orzamentos do Concello para o ano 2023, realizando as súas propostas, e informounos de que, a mediados de decembro, o Concello porá á disposición da cidadanía os bonos de 100 euros para consumir no comercio-hostalaría e actividades profesionais da cidade.
O alcalde deu conta da folla de ruta na que traballa o goberno municipal para remodelar o servizo de autobuses coa finalidade de que no mes de xaneiro funcionen novos vehículos e novas liñas, para os que quere contar coa colaboración activa da cidadanía. Así, desde esta mesma semana exporá ao público unha proposta de remodelación ou “proba alfa”, para que particulares, colectivos, asociacións e os propios partidos políticos fagan as súas propostas e expresen as súas opinións. Será un “brainstorming global”, explicou o alcalde, para acadar un redeseño de liñas que ve “imprescindible” no transporte na cidade.
A proposta que exporá o goberno municipal terá como principal novidade, como xa avanzara o alcalde, a implementación dunha liña troncal Norte-Sur que vertebrará o transporte público na cidade. O documento exporase ao público durante un prazo dun mes e medio. Recolleranse as propostas e suxestión, analizarase a súa viabilidade co obxectivo de que o día 15 de xaneiro os cambios estean operativos.