O Concello de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense posporán por un ano as negociacións sobre a Universidade Popular, ao non pechar este mes un acordo para a transferencia inmediata do programa municipal, que implicaba tamén todos os locais anexos para impartir clases. Debido á proximidade do curso 2022, as dúas institucións entenden oportuno aprazar o estudo dun posible peche de convenio, ata o próximo ano.
Así pois, o Concello de Ourense, que sempre mantivo as opcións de traspaso á Deputación ou o cambio de modelo, abordará agora a segunda opción. Esta pasa por mellorar o servizo actual da UPO, incrementando o acceso aos cursos (minimizar númerus clausus), favorecer a economía local (con máis convenios con academias e profesionais autónomos para evitar competencia desleal), e maior difusión das actividades: gravaranse e difundiranse audiovisualmente moitos dos cursos para facérllelos chegar a un número ilimitado de persoas por internet, ademais dos cursos de presenza física.
Entre os cambios para esta próxima edición, o goberno municipal avanza que “definitivamente se lle cambiará o nome á UPO, entendendo que non pode levar a nomenclatura de universidade” e lembra que “non estamos diante dun servizo esencial, de feito, entre as 7 urbes galegas só existe Universidade Popular na cidade de Ourense”.