O Concello de Ourense rematou a restauración dos farois emprazados no acceso á Alameda, obra do arquitecto Daniel Vázquez-Gulías, logo de detectar danos estruturais que poderían supor un risco para as persoas e para o propio patrimonio. E é que os farois se atopaban en moi mal estado pola falta de mantemento e por restauracións inapropiadas realizadas hai anos, presentando gretas, engadidos incorrectos, así como diversas pezas soltas. Os traballos contaron cun orzamento de 19.500 euros (máis IVE).
Seguindo as indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio, as columnas e as bases que as sustentan foron restauradas mantendo a pedra Trasalba -a máis común no conxunto histórico artístico da cidade-, e empregouse ademais nalgunhas pezas rotas produto de antigas reparacións que foi preciso refacer. No interior das columnas, retiráronse os antigos espigos de ferro e foron substituídas por un tubo de fibra de vidro que, ademais de reforzar a estrutura, permite o paso oculto dos cables para as luminarias.
Os farois metálicos, pola súa banda, foron limpados e restaurados de forma que se conservase a maior fidelidade posible coas pezas orixinais. Así, e co consello de Patrimonio, non se refixeron partes que xa se consideran perdidas, e as deficiencias foron arranxadas con novos materiais, máis modernos e flexibles que os que se atoparon, para soportar mellor o paso do tempo.
As luces, que databan da época dos 80, foron conservadas e melloradas: só foi preciso substituír a central , por outra moi similar a orixinal e adaptada a normativa actual.