O Concello celebrará a festividade de San Lázaro con animación de rúa e a Queima das Madamitas
Durante a fin de semana estarán instalados arredor do parque de San Lázaro os postos de rosquillas, lambetadas, abelás e produtos típicos desta festa.
O Concello de Ourense celebrará a tradicional festividade do San Lázaro con actividades de animación de rúa -haberá alborada con gaiteiros e cabezudos polas rúas do Paseo, Santo Domingo e o propio parque San Lázaro- e a tradicional Queima das Madamitas, a cargo da pirotecnia Josman.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anima os veciños e as veciñas da cidade a que acudan a esta actividade: “a queima das madamitas é un clásico e unha celebración moi entrañable e familiar, que ademais está acompañada polo ambiente das rosquillas durante a fin de semana”, sinalou. Pérez Jácome lembrou que este ano a celebración de San Lázaro coincide coas Festas de Barrocás, con citas como a actuación, o venres, 15, da orquestra Olympus; e o Tributo a Los Suaves, a cargo do grupo Mártires del rock, e a sesión de DJs do sábado, 16: “vai ser todo un espectáculo e animo a todos a participar nas nosas festas”, concluiu o rexedor.
Os actos litúrxicos de San Lázaro comezarán o domingo ás 11.00 horas coa misa na igrexa de Santo Domingo e posterior procesión ata a dos Franciscanos, ás que asistirá a Corporación Municipal. Ás 11.45 horas comezará a alborada, e desde as 13.00 horas, a zona da Subdelegación do Goberno será o centro das actividades conmemorativas, coa Queima das Madamitas. Trátase dun acto inspirado nun rito pagán que data do século XII e que marca o final do inverno e dálle a benvida á primavera ao tempo que anuncia a proximidade da Semana Santa. Lázaro, Ramos, en Pascuas estamos...
As madamitas son unhas figuras de papel articuladas, que xiran nunha rápida ruleta ao tempo que arden e estralan as luces de pirotecnia que para moitos supoñen a queima dos malos espíritos para renovarse e iniciar un novo ciclo que comeza coa primavera.
Durante o sábado e o domingo estarán instalados arredor do parque de San Lázaro os tradicionais postos de rosquillas, lambetadas, abelás e produtos típicos desta festa.