O Concello celebra o Certame de cinema escolar para achegar o cinema á rapazada
O programa inclúe tres obradoiros, dúas proxeccións e unha gala final o xoves, 24, no Auditorio. Un total de 79 películas realizadas por alumnado das 4 provincias galegas optan aos premios.
O Concello de Ourense, desde a Concellería de Educación, celebrará o Certame Internacional de Cinema Escolar – OUFF Escola 2022, cun programa de actividades que teñen como finalidade achegar o cine ao público escolar e premiar o talento artístico da mocidade galega. Esta edición, que arrincou no mes de abril, contou coa participación de máis de 2.000 escolares galegos. Un total de 79 películas presentadas por centros educativos das 4 provincias galegas optan aos premios, que se entregarán nunha gala final que terá lugar o xoves, 27 de outubro.
Programa de actividades
Luns, 17 de outubro ás 11:00 horas no Museo Municipal de Ourense.
Primeira xuntanza do xurado para deliberar os traballos gañadores do Certame de Cinema. O xurado está composto por:
Nora Sola, presidenta do xurado OUFF Escola, ex directora do Festival de Cine Internacional OUFF, xornalista e empresaria.
César Silva, director de programación do OUFF,
Fernando González, actor, músico, compositor e presentador,
Manoli Maseda, coordinadora provincial dos equipos de dinamización da lingua da provincia de Ourense
Maria Leis, coordinadora dos equipos de dinamización da língua da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Martes, 18 ás 10:00 horas no Auditorio Municipal
“Obradoiro de manexo de video para introducción no medio audiovisual”, impartido por Mikel Nieto Segura para alumnado de Secundaria e Bacharelato.
Mércores, 19 ás 11 horas na Sala Valente
Obradoiro “Termalismo e Cinema“, impartido por Susana López Faria y Jose Antonio López Feijoo, técnico de video e cámara, para alumnado de Primaria da cidade de Ourense.
Xoves, 20 ás 11:00 horas no Auditorio Municipal:
Proxección da película de animación “Valentina” de produción galega dirixida por Chelo Loureiro, premio á mellor película de animación dos Goya 2022, e nominada nos Premios Platino e Quirino https://valentinafilm.es
Martes, 25 ás 11:00 horas no Auditorio Municipal
Proxección da película “Valentina”
Mércores, 26, ás 10:00 h no Auditorio Municipal
Obradoiro de “Dobraxe na Escola “ dirixido polos actores, directores e dobradores Suso Pando e Manuel Pondal.
Xoves, 27, ás 11:00 horas no Auditorio Municipal
Gala de entrega de premios do Certame de Cinema, presentada polo actor Fernando González.
Certame para centros educativos
Este Certame Internacional de Cinema Escolar esta convocado pola Concellería de Educación do Concello de Ourense en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, e está dirixido a centros educativos públicos e privados de ensino non universitario de Galicia , así como aqueles de fóra de Galicia que teñan materias en lingua galega.
O Certame data do ano 2009 e nace co obxectivo de impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre a súa contorna sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo, nunha linguaxe atractiva para o alumnado, que contribúa a xerar un espírito crítico. O certame pretende tamén potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas. A iniciativa encádrase como ferramenta dentro da Directiva Europea de Alfabetización Mediática, que procura dar formación á mocidade sobre o coñecemento e a avaliación do audiovisual.
Esta edición do 2022 partíu no mes de abril e a recepción de películas rematou o 8 de xullo. Resalta a importante participación, malia o parón que supuxo a pandemia, traducido na recepción de 79 películas de centros das 4 provincias galegas, onde participaron máis de 2000 escolares , destacando neste caso o aumento de participación dos centros de Ourense.