O Concello avanza na organización do 15º Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades
A comisión de investigación e seguimento da violencia de xénero designa Nerea Fernández a súa representante no xurado
O Concello de Ourense avanza na organización da próxima edición do Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades, que se entregará o día 8 de marzo, nun acto que terá lugar no salón de plenos do Concello, con aforo reducido polas restricións sanitarias.
O concelleiro Armando Ojea participou esta mañá na xuntanza, en formato telemático, da Comisión de investigación e seguimento da violencia de xénero, que deu conta da convocatoria da 15º edición do certame e acordou nomear a súa representante no xurado. Será Nerea Fernández Gómez, do Colexio de Traballadores Sociais de Galicia. Tamén formarán parte do xurado representantes do Concello, do Centro de Información Municipal á Muller (CIMM), do Consello Municipal de Igualdade e unha persoa socialmente relevante no ámbito da igualdade de oportunidades
O prazo de presentación de propostas estará aberto até o día 25, e a entrega do premio terá lugar o día 8 de marzo, Día Internacional da Muller. O certame, que organiza a Concellería de Igualdade ten como obxectivo poñer en valor o traballo de institucións, grupos e persoas, de ámbito preferentemente provincial, destacadas na defensa dos dereitos das mulleres e a loita pola igualdade de xénero.
Malia as restricións existentes na actualidade como consecuencia da pandemia da COVID-19, o goberno municipal decidiu manter esta convocatoria, adaptándoa a este novo escenario, celebrando a xuntanza do xurado de forma telemática.