O Concello acomete a renovación integral das áreas de xogos infantís da cidade
O investimento de 1,1 millóns de euros permitirá renovar pavimento, todos os elementos de xogo e mobiliario auxiliar de 19 zonas da cidade
O Concello de Ourense acomete a renovación integral das áreas de xogos infantís da cidade. O investimento de 1,1 millóns de euros permitirá iniciar as actuacións, cunha primeira fase na que se inclúe a mellora de 19 espazos infantís nos diferentes barrios da cidade. As actuacións seguirán nunha segunda fase até chegar a todos os espazos dedicados aos xogos infantís.
O goberno municipal considera “unha prioridade” a renovación integral de todas as áreas de xogos infantís e a creación de novas áreas temática de lecer. Por este motivo, o alcalde encomendoulle ao Servizo de Medio Ambiente a contratación desta subministración e instalación de xogos infantís, pavimentos de seguridade e mobiliario auxiliar para renovar, poñer en valor e adaptar á normativa vixente as áreas de xogos.
Na xunta de área do 26 de xaneiro de 2021, o goberno informou os grupos políticos municipais sobre o estado en que se atopa este expediente. Actualmente está nas súas últimas fases de elaboración, e aborda a renovación integral dun total de 19 áreas de xogos infantís por un importe total de 1.128.191,25 euros. As áreas que se van renovar son as das rúas Bella Otero, Xosé Luis López Cid (parque do Peco), Serra de Queixa (Parque das Zapatillas), Silvio Fernández, San Froilán, Carriarico - Camelias, Mendinho, Virgen de Fátima, San Rosendo, Valle Inclán. Serra Martiñá, Laza, Francisco Añón Paz, Gregorio Fernández, Río Mao, Asunción, Praza da Marina, Cruceiro Quebrado, Xoán de Nóvoa.
Fóra deste expediente, nas próximas semanas construirase un novo parque infantil no interior da rúa Vázquez Núñez por un importe total de 47.927,74 €, renovarase o pavimento flexible de caucho continuo do Parque Miño por importe de 6.662,74 €. Na actualidade, estase executando unha nova área de calistenia no Parque Angelita Paradela por importe de 42.899,34 €
Acadar as mellores condicións de seguridade, accesibilidade e ornato
A renovación das áreas de xogo existentes ten como obxectivo principal a súa posta a disposición en óptimas condicións de seguridade, accesibilidade, salubridade e ornato. Para iso renovaranse todos os elementos de xogos, instalaranse valos de seguridade, substituirase o pavimento existente por pavimento flexible de caucho continuo e nas áreas instaladas sobre pavimentos terrizos substituirase este por pavimento flexible de caucho continuo executado sobre soleira de formigón.
Cada unha das áreas de xogo infantís a renovar estará composta pola combinación de varios elementos de xogo modernos, inclusivos, seguros e integrados na contorna, ofrecendo un elevado valor lúdico, posibilitando un uso compartido polo maior número de nenos xogando ao mesmo tempo, cun deseño e unha construción actuais que permitan acceder aos xogos a un amplo abanico de grupos de idade.