Ourense Cidade

O Concello abre ao público de xeito permanente as 2 pozas de maior capacidade de Outariz

As dúas pozas da parte superior son de maior capacidade: unha delas para 50 persoas e outra para 30, polo que proporcionan un total de 80 prazas, que resultan suficientes en temporada baixa.

Óscar Gómez

Ourense | 19.04.2023 08:07

O Concello abre ao público de xeito permanente as 2 pozas de maior capacidade de Outariz | onda cero

O Concello de Ourense ten abertas ao público de forma permanente 2 pozas na zona termal de Outariz, as que contan con maior capacidade para acoller bañistas, e amplía a oferta cunha terceira, máis pequena, en tempada alta, cando a afluencia de público o fai necesario. O Concello ten tamén operativas e abertas ao público as termas da Chavasqueira e do Muiño da Veiga.

No complexo termal de Outariz, desde a entrada en vigor da nova normativa da Xunta de Galicia, debido ao caudal existente, só se poden ter operativas 3 pozas (2 na parte superior á pasarela, na tecnicamente coñecida como Burga de Canedo, e unha na zona situado baixo a pasarela, a chamada Outariz).

As dúas pozas da parte superior son de maior capacidade: unha delas para 50 persoas e outra para 30, polo que proporcionan un total de 80 prazas, que resultan suficientes en temporada baixa para atender a demanda de bañistas. A terceira ten unha capacidade menor, 12 persoas, e só se abre en temporada alta, cando é necesario porque se enchen as outras dúas. A este respecto, esta poza ten menos capacidade pero ocasiona máis custos de mantemento, xa que se atopa a 40 metros de distancia das outras dúas e fai necesario contratar persoal para proporcionar o servizo de atención e vixilancia das instalacións.