Colaboración para a mellora e saneamento do Río Támega
O obxectivo é que o Ministerio para a Transición Ecolóxica destine fondos Next Generation para solucionar os problemas de saneamento dos municipios de Verín, Castrelo do Val e Monterrei.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, confirmou a disposición da Xunta de colaborar coa Mancomunidade da comarca de Verín e coa Confederación Hidrográfica do Douro para mellorar o saneamento do río Támega.
O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, elaborará un estudo de alternativas para axilizar ao máximo posible os traballos iniciais, xa que o obxectivo é que o Ministerio para a Transición Ecolóxica destine fondos Next Generation para solucionar os problemas de saneamento dos municipios de Verín, Castrelo do Val e Monterrei.
Vázquez Mourelle, co delegado da Xunta na provincia, Gabriel Alén, e coa directora de Augas de Galicia, mantivo unha xuntanza co subdelegado do Goberno, a presidenta e técnicos da
Confederación Hidrográfica do Douro e cos concellos da Mancomunidade de Verín para abordar a situación do ciclo da auga na zona e na bacía do río Támega.
Esta xuntanza foi convocada polos alcaldes, que están de acordo na necesidade de resolver os problemas que presenta o sistema de saneamento que verte ao río Támega, e solicitan o apoio doutras administracións para procurar as mellores solucións.
Eses problemas concéntranse na zona alta do río Támega, onde conflúen os colectores de Verín, de Castrelo do Val e de Monterrei, e na que se producen frecuentes infiltracións e alivios ao cauce e na depuradora de Verín.
No encontro, as diferentes administracións acordaron que o Goberno galego, a través de Augas de Galicia, asumirá a elaboración dun estudo de alternativas para identificar as solucións máis acaídas para o saneamento dos concellos de Verín, Monterrei e Castrelo do Val, axilizando a tramitación para que as actuacións sexan financiadas con fondos Next Generation do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
Ademais, paralelamente, tramitarase un convenio entre a Xunta, a Confederación Hidrográfica do Douro e a Mancomunidade de Verín para asumir a redacción dos proxectos das actuacións necesarias, a súa tramitación ambiental e a execución das obras, co obxectivo de que sexan financiadas con fondos europeos. A Confederación Hidrográfica do Douro comprometeuse a trasladar a proposta de convenio entre as distintas administracións, en paralelo á contratación do estudo de alternativas que realizará Augas de Galicia.
Ethel Vázquez salientou que, a pesar de que o río Támega pertence á Confederación Hidrográfica do Douro, será a Xunta a que asuma o traballo e o financiamento do estudo de alternativas para a planificación das obras, recoñecendo a eficiencia e axilidade da Administración autonómica na tramitación.
A conselleira subliñou a complexidade que leva aparellada a xestión por parte das administracións locais das súas competencias en materia de saneamento, depuración e abastecemento de auga. A este respecto, sinalou que cómpre que esas competencias se exerzan axeitadamente, por responsabilidade ambiental, por saúde pública e por motivos económicos, relacionados coa pesca ou o turismo.
Lembrou que a Xunta leva máis de 10 anos axudando aos concellos nas súas responsabilidades relacionadas coa xestión do ciclo da auga, con máis de 1.100 M€ investidos en actuacións de
saneamento e depuración, e ademais está a impulsar unha Lei que reforce o apoio aos municipios nesas materias.