A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta destinará o vindeiro ano 4,5 millóns de euros a financiar a tarxeta Xente Nova, coa que xa son 107.000 os mozos galegos que apostan polo transporte público e viaxan gratis en autobús por toda a Comunidade. Así o destacou Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, nunha visita á terminal de autobuses de Ourense, que, grazas ao Goberno galego, se converteu o pasado mes de febreiro na primeira estación intermodal de Galicia e será o vindeiro día 21 a primeira en recibir o tren de alta velocidade.
Subliñou que esta estación, na que a Xunta investiu 9 millóns de euros, achegando tamén máis do 60% do financiamento do novo aparcadoiro, debe aproveitar ao máximo o potencial da chegada do AVE desde o punto de vista dos servizos. Para isto, detallou que xa está culminada a reordenación integral das liñas de autobús de competencia autonómica, ampliando a súa cobertura territorial e garantindo a atención ao rural.
No marco desta aposta polo transporte público, puxo en valor a tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan gratis nos autobuses da Xunta, ademais de no transporte de ría en Vigo e no tren de ancho métrico en Ferrol. O Goberno galego puxo en marcha esa iniciativa no ano 2016 nas áreas de transporte metropolitano e a comezos do ano 2020 ampliouse a cobertura da tarxeta Xente Nova desde os 19 aos 21 anos, multiplicándose por 10 o número de dispositivos emitidos.
Vázquez Mourelle sinalou que a pesar da irrupción da covid, en 2020 rexistráronse preto de 21.000 novas tarxetas Xente Nova, coincidindo coa súa implantación na provincia de Ourense e na área de Pontevedra. Apuntou que grazas á súa extensión ao conxunto das liñas de autobús interurbano de Galicia, en 2021 se emitiron 32.000 dispositivos de Xente Nova e só no mes de setembro, con motivo do inicio do curso escolar, foron expedidas 8.000 tarxetas, máis dun 100% máis que no mesmo mes do ano anterior.
A conselleira subliñou a “conquista social” que representa a tarxeta Xente Nova de transporte gratuíto para menores de 21 anos, pois achega aos galegos entre si e aproxima, tamén, aos veciños do rural aos servizos públicos e ás oportunidades que ofrecen as cidades. Tamén puxo o acento no aforro económico que supón a tarxeta para as familias, pois por exemplo, un mozo de Verín que vaia estudar a Ourense, pode aforrar 1.800 euros nos desprazamentos correspondentes aos 9 meses de curso escolar.
Apuntou que esas vantaxes atraen á mocidade ao transporte público e desde o ano 2016 os rapaces galegos realizaron xa 9,7 millóns de viaxes en autobús gratuítas coa tarxeta Xente Nova, coa que aforraron 10,2 millóns de euros nos seus desprazamentos.