O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente e en colaboración con Ecovidrio, entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe de residuos de envases de vidro en España, organizaron a campaña solidaria OurenseAxudaReciclando, onde mediante a reciclaxe de vidro na cidade axudáronse ás familias mais desfavorecidas, nestas datas tan significadas.
O reto lanzado permitiu cambiar quilos de vidro por entradas de cine para que os nenos cativos de familias en difícil situación económica puidesen desfrutar da maxia do cine nestas datas do Nadal, co visionado de “Encanto” en dous pases, en dúas salas dos cines Pontevella. O reto culminou coa asistencia de 250 nenos ao cine onde puideron desfrutar da maxia da sétima arte, e desfrutaron do filme “Encanto” da produtora Disney en dous pases especialmente organizados para eles.
“O resultado só se pode cualificar como éxito rotundo”, afirma Jorge Pumar, “a cidade respondeu, e o obxectivo de poder levar 250 nenos ao cine neste Nadal converteuse en realidade no día de hoxe. Só podo ter palabras de agradecemento aos cidadáns pola súa resposta, e a Ecovidrio e aos cines de Pontevella pola súa colaboración activa nesta entrañable campaña de solidariedade”.
Germán Fernández, xerente en Galicia de Ecovidrio, cualifica a campaña como un rotundo éxito, e recorda que esta campaña neste formato, foi Ourense, a primeira cidade en ser elixida en España para o seu desenvolvemento. Os cativos beneficiarios do proxecto foron elixidos pola Concellería de Asuntos Sociais do Concello, colaboradora do evento, en función da súa situación socioeconómica e familiar.
A concelleira de Asuntos Sociais, Eugenia Díaz, destaca que este tipo de campañas teñen un único fin, visibilizar a problemática social da cidade, cuxos problemas deben ser afrontados entre todos e sumando todos os esforzos posibles.
Para facer máis atractivo o proceso de reciclaxe da campaña, sobre todo entre os máis cativos da familia, a cidade acolleu iglús tematizados con personaxes do mundo Disney, como poden ser os míticos Mickey, Minnie, Goofy, ou o incrible Hulk. “Cun xesto tan sustentable como é reciclar vidro, nenos e maiores puideron gozar das súas personaxes infantís preferidas ao tempo que colaboraban en propiciar unha axuda para nenos de familias en risco de exclusión”, recordaba Jorge Pumar. Ecovidrio espera que este tipo de campañas “inspiren” a nenos e maiores no proceso de reciclar, acción fundamental para a loita contra o cambio climático, e a redución de emisións de CO2 á atmosfera por parte de todos.