Ourense Cidade

A cidade de Ourense presenta a súa programación de Entroido

Os entroidos de Xunqueira, O Riós, Toén e A Veiga, únense como novidade na Xuntanza de Entroidos tradicionais da provincia, do venres, día 9.

Óscar Gómez

Ourense |

A cidade de Ourense presenta a súa programación de Entroido | onda cero

“Os catro entroidos da cidade: Ourense Centro, A Pita, Frei Canedo e Seixalbo, fan que Ourense sexa unha auténtica potencia”, en palabras do rexedor.

A concelleira, Noa Rouco, expuxo polo miúdo en que consistirá a programación desta edición, que comezará o día 8 de febreiro, Xoves de Comadres ,con charangas a partir das 20.00 h polo Centro Histórico da cidade e coa actuación do afamado DJ e influencer, Michenlo na rúa do Progreso.

Destacou que haberá charangas polas rúas do Centro histórico da cidade, DJ na Praza de Santa Eufemia, Correxidor, Praza Maior e orquestras na rúa do Progreso: Satélites, París de Noia, Funçao Pública, Olympus e Marbella. As crianzas terán tamén o seu espazo, con obradoiros de “pintacaras” e concertos na Praza Maior.

Noa Rouco,salientou tamén a Xuntanza dos Entroidos tradicionais, que reunirá o venres, día 9, os entroidos máis representativos da provincia amenizados por charangas e gaiteiros. Como novidade, o sábado e o luns, haberá sesión de tarde, ás 19.00 e ás 21.00 h, co Trío Somoza e Los coleguitas.

O domingo, ás 16.30 sairá o Gran desfile, que rematará coa entrega de premios na rúa do Progreso antes da actuación do artista colombiano Henry Méndez, ás 20.30 h.

O martes, a partir das 18.30h , polo Centro histórico, haberá reparto de 12.000 orellas de Entroido.

O programa rematará o mércores co Enterro da Sardiña que sairá ás 20.00 h da Praza Maior cara ao Parque de San Lázaro.

A continuación os diferentes entroidos da cidade expuxeron a súa programación destacando a implicación do Concello coa achega de infraestruturas, charangas e mais orquestras.

Para rematar a presentación o alcalde, Gonzalo P. Jácome, fixo unha valoración sobre o aumento de actividades e afluencia de xente ao entroido ourensán nos últimos anos e que xa lle constaba como a ocupación hoteleira para eses días estaba practicamente chea. Tamén, como anécdota, salientou a implicación das xentes de Ourense que volveron saír á rúa disfrazados de tarde a pasear, o sábado e o luns, como había anos que non se vía.

O alcalde anunciou que este ano o “mini pregón” será o venres día 9 na Praza Maior antes da actuación da orquestra.